Por Chantada presenta unha moción para mellorar a accesibilidade de persoas con discapacidade
A atención das necesidades das persoas con discapacidade é un principio reitor da política social e económica proclamado na Constitución que obriga, por conseguinte, todos os poderes públicos e que se inscribe no dereito internacional a través da Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade de 2006, ratificada por España no 2007, que estabelece que os poderes públicos deberán asegurar que as vías públicas sexan accesibles para as persoas con discapacidade.
A Orde TMA/851/2021, do 23 de xullo, pola que se desenvolve o documento técnico das condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos espazos públicos urbanizados impón a necesidade de garantir o uso e a circulación de forma segura, cómoda, autónoma e continua de todas as persoas polos itinerarios peonís. Para iso, recolle unha serie de requisitos, entre os que destacan a necesidade de que os ditos itinerarios linden coa liña de fachada a nivel do chan ou, de non ser posible, de que se usen pavimentos táctiles para sinalalos e de que conten cunha anchura e cunha altura libres de paso non inferiores a 1,8 m e a 2,2 m respectivamente.
Dende Por Chantada denuncian que “en numerosos puntos do casco urbano de Chantada faise patente un incumprimento claro da normativa en materia de accesibilidade, pois existen terrazas instaladas no espazo próximo á liña de fachada sen que exista un pavimento táctil indicador do itinerario peonil substitutivo. Isto supón, como razoa o Tribunal Supremo (Sentenza 354/2019, do 11 de febreiro), unha limitación do dereito de mobilidade polos espazos públicos das persoas con discapacidade que, no caso de Chantada, alcanza unha intensidade preocupante e que se está producindo coa total connivencia do Goberno municipal que leva anos adiando o debate e aprobación dunha ordenanza acorde cos tempos, as necesidades e os diferentes intereses en concorrencia, así como adiou sempre adaptar a mobilidade da vila ás persoas con mobilidade reducida”.
“O cumprimento desta regulación técnica debe entenderse como unha cuestión de primeira orde, por canto implica garantir a igualdade de dereitos das persoas con discapacidade visual e poñer fin a situacións de discriminación que conculcan o principio de igualdade, valor superior do noso ordenamento xurídico e núcleo duro da Constitución” conclúen dende o grupo municipal.