Por Chantada presenta unha moción contra a imposición da custodia partillada cando non concorre a vontade de ambos proxenitores

RibeiraSacraXa
O grupo municipal Por Chantada-IGV vén de presentar para o seu debate e aprobación no vindeiro Pleno da corporación, unha moción contra a imposición da custodia compartida cando non concorre a vontade de ambos proxenitores, apoiando a diversos colectivos que loitan contra esta práctica cada vez máis frecuente de xulgados e tribunais e, en concreto, ao colectivo Infancia Silenciada do que fai parte unha veciña da nosa vila.
colexio escola educacion nenos
23 Mar 2024

O grupo municipal Por Chantada-IGV vén de presentar para o seu debate e aprobación no vindeiro Pleno da corporación, unha moción contra a imposición da custodia compartida cando non concorre a vontade de ambos proxenitores, apoiando a diversos colectivos que loitan contra esta práctica cada vez máis frecuente de xulgados e tribunais e, en concreto, ao colectivo Infancia Silenciada do que fai parte unha veciña da nosa vila.

A moción recoñece o avance social que supón que “o modelo tradicional de familia fora mudando nas últimas décadas, cara a un concepto máis amplo, diverso e inclusivo” e que “a normalización da ruptura das relacións afectivas das persoas proxenitoras repercute positivamente nas crianzas”.

No entanto, refire o grupo municipal que “malia a mellor aceptación e regulación dos procesos de separación e divorcio, a casuística segue a ser moi ampla e non son infrecuentes as rupturas cun alto grao de hostilidade entre persoas adultas que, dun xeito ou outro, repercute nas crianzas e que debe ser paliada na medida do posible tanto desde o privado como desde o público, xa que queda fora de toda dúbida que o interese das crianzas debe ser o eixo sobre o que construír todo o demais”.

Non esquecen as concelleiras de Por Chantada que a regra xeral de acordar a custodia compartida só nos casos de acordo entre as partes e o carácter excepcional deste réxime que prevé o art. 92 Cc “veu matizada pola xurisprudencia do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional (...) que partindo da premisa indiscutíbel do intereses primordial das crianzas, muda a excepcionalidade da custodia compartida e dispón a xeneralización deste réxime, coma o máis desexábel, cando se dean determinadas circunstancias a valorar, como a relación das persoas proxenitoras coa crianza anterior á ruptura, e as aptitudes persoais daquelas; a vontade expresa manifestada polos e polas menores; o cumprimento das persoas proxenitoras respecto das súas obrigas nos coidados e afectivas coas crianzas; o resultado dos informes periciais...”

Por Chantada considera, avalando as queixas e reivindicacións de distintos colectivos, que o arbitrio xudicial está dando lugar a que Xulgados e Tribunais impoñan custodias compartidas que non son desexadas por ambas partes, apartándose dos criterios referidos e estabelecidos pola Xurisprudencia, dando lugar segundo refire a moción “a resolucións que, invocando o interese superior das crianzas, impoñen a custodia compartida en situacións claramente desaconsellábeis e tremendamente lesivas para as crianzas e para as demais partes”.

Por Chantada non nega a importancia da custodia compartida, que de feito recoñecen coma “o réxime desexable que non debe ser cuestionado cando supón o mantemento dunha situación de corresponsabilidade real nos coidados durante a convivencia das persoas proxenitoras” mais defende que é unha realidade palpábel que a igualdade real e efectiva no reparto dos coidados “está lonxe de ser unha realidade (...) sendo aínda maioritariamente as nais as que asumen a maior carga de coidados nas crianzas e a case totalidade desa parte invisíbel que chamamos carga mental, polo que resulta incoherente con esa situación -non desexábel pero de facto- que esa dedicación desproporcionada á crianza non se teña en conta á hora de atribuír a custodia de menores, cando a persoa proxenitora que se encargou maioritariamente dos coidados non está conforme coa custodia compartida”.

Por último, lembra o grupo municipal que “a custodia compartida supón en si mesma un esforzo importante para as persoas proxenitoras e para as crianzas que -normalmente por quendas semanais- andan dun fogar a outro, estando en ocasións -e por necesidade das persoas proxenitoras- os respectivos fogares afastados por ducias de kilómetros. Isto supón que este réxime de custodia sexa case impracticábel cando non existe unha relación cordial das persoas adultas que, desgraciadamente, é aínda demasiado infrecuente cando menos na primeira etapa tras a ruptura. De feito é habitual que a propia situación de custodia compartida imposta acabe por xerar tensión e problemas de entendemento que repercuten negativamente en todas as partes e, nomeadamente, nas crianzas”.

0.19359683990479