Por Chantada presenta alegacións ás novas ordenanzas que regulan a venda ambulante

RibeiraSacraXa
Consideran que “os textos deben ser mellorados e a burocracia simplificada” e piden que as ordenanzas sexan “claras, transparentes e aplicables a todos por igual”
estado-mercado-gandeiro-chantada
Estado do Mercado Gandeiro de Chantada
5 Mar 2025

Por Chantada vén de formular alegacións ás ordenanzas que van regular a venda ambulante no Concello de Chantada, substituíndo a actual ordenanza de 1989, e denuncia “o mal estado en que se encontra o mercado gandeiro, que precisa investimentos para reparar canalizacións, instalación eléctrica, eliminar pingueiras, etc.”.

“Non é normal”, sinalan, “que un espazo con tanto uso leve décadas sen recibir atención e investimentos por parte do alcalde e do PP”.

Explican que “a localización dos postos en Xoán XXIII mantendo o abandono na Praza do Comercio e o Casco antigo parécenos un erro”, xa que, sinalan, “os cascos antigos non poden ser decorados para turísticos, deben ter vida e está acreditado que historicamente era a localización de numerosos postos, nomeadamente de plantón”.

Por outra banda, insisten en que “o plan de seguranza e os técnicos de revisión das atraccións e postos teñen que estar homologados e ser o rexistro público, expondo a documentación ás persoas usuarias, en consonancia co disposto na normativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas da Galicia”. Piden, ademais, a elaboración dun censo público para as persoas e postos autorizados, que debería ser accesible para toda a cidadanía “alén das credenciais que deban ter fisicamente no lugar de venda”.

Para a formación “a venda automática mediante máquinas non debe excluírse da ordenanza e debe ser taxada e regulada a súa instalación, sempre que ocupen espazo público”, e sinalan que “non ten sentido excluír parroquias do concello da venda de excedentes da agricultura familiar nas inmediacións da praza de abastos, como fai na ordenanza o PP, debendo todas as parroquias ficaren incluídas e a posibilidade de que a venda de produtos locais se manteña e mesmo se reforce como sinal de identidade e piar da soberanía alimentar”.

Da mesma forma, entenden que “é excesiva a burocracia que se deriva da ordenanza no caso de feiras e venda ambulante, debendo simplificarse na medida do posible os trámites para evitar que mingüen os postos”, e denuncian a “falta de transparencia nos coeficientes das fórmulas empregadas”.

“Entendemos que o criterio dos m2 da anterior ordenanza é máis uniforme e equitativo, polo que debe manterse, fronte á actual proposta que mestura m2 nalgúns casos con “postos” que parten de escuros coeficientes”, sinalan dende a formación, que lembra que “xa na ordenanza do 1989 había prezos diferentes por m2 segundo a natureza do negocio sendo superfluo entón inventar fórmulas e coeficientes. Até coa redacción actual hai agravios como que pague o mesmo un posto de polbo que un posto de plantón, aínda que os ingresos e a súa natureza non son análogos”.

Por último, Por Chantada insiste en que é “unha neglixencia e unha irresponsabilidade ter as terrazas de Chantada nun limbo, xa que é malo para os negocios en canto seguridade xurídica e cobertura dos seguros perante algún feito accidental; non promove a igualdade e a transparencia nas regras que favoreza tamén aos peóns; e, por último, compromete a facenda pública nos casos en que o Concello sexa responsable civil subsidiario en caso de accidente”.

⚙ Configurar cookies
0.42711901664734