Por Chantada pedirá no pleno que se dote ao parque de bombeiros con equipamento

RibeiraSacraXa
A mellora dos equipamentos na asistencia de emerxencias en ambientes acuáticos ten como obxectivo dar resposta a unha problemática crecente
parque-de-bombeiros-Chantada
12 Xul 2024

O grupo municipal Por Chantada - Interior Galego Vivo defenderá no vindeiro pleno unha moción xa rexistrada con propostas para dotar os parques de bombeiros de Chantada, Lemos e Sarria con equipamento que permita actuar en emerxencias acuáticas superando a situación actual de precariedade e total falta de medios.

A moción do grupo municipal Por Chantada – Interior Galego Vivo para a mellora dos equipamentos na asistencia de emerxencias en ambientes acuáticos ten como obxectivo dar resposta a unha problemática "que se está agudizando pola dispersión e envellecemento, o aumento da presión turística e das actividades de risco nunha orografía complexa e cun déficit de infraestruturas elevado".

"Recentemente, asistimos a varias novas que volven pór o foco na falta dunha rede axeitada de equipamentos para atender a emerxencias fluviais a pesar da crecente presión turística e nefasta ordenación do territorio nas contornas fluviais do río Miño e do Sil, espazos situados na moderna inventio territorial da Ribeira Sacra", explican. "Os rescates en ríos, encoros, inundacións de poboacións, rescate de vehículos en contorna acuática ou afundidos son atendidos fundamentalmente na nosa área polos parques comarcais do consorcio provincial contra incendios de Lugo (doracante CPIL).

Ademais, na comarca de Chantada poñen en valor a existencia dos encoros de Belesar e Peares, "situación extensible aos parques de Sarria e Lemos, polo que a atención e rescate acuático, levando en conta a orografía, resultan dunha importancia extrema".

En conclusión, "a dotación de medios axeitados para rescates acuáticos e a procura de persoas en presas e ríos non é apenas esencial para efectividade e a seguranza das operacións de rescate, mais tamén para a protección das vidas humanas, o cumprimento de normativas e a mitigación dos riscos", aseguran.

PROPOSTAS

Por todo isto, o grupo municipal Por Chantada propón:

  • O cumprimento de normativas e estándares internacionais é obrigatorio para todas as administracións públicas, sendo a Xunta, tocante ao plano de emerxencias, a ordenación do territorio e dos fluxos e modelo turístico; a Deputación, no relativo ao Consorcio de bombeiros; e, en último lugar, os concellos os responsables de ofrecer seguranza e salvamento de garantía á veciñanza e previr ou reducir os riscos de rescates acuáticos.
  • Para un servizo de bombeiros urbanos con capacidade de realizar rescates acuáticos e procura rápida de persoas en encoros e ríos na nosa orografía é necesario unha equipa mínima de 4 bombeiros por quenda, debidamente formados e con EPIs e vehículos especializados que se dote co equipamento que se detalla na moción.
  • Demandar unha resposta das actuacións que van desenvolver nas anualidades 2024 e 2025 para corrixir as deficiencias sinaladas por parte das institucións con competencias, en maior ou menor medida, na materia (Dirección Xeral de Emerxencias e Interior dependente da Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes; Deputación de Lugo (Presidencia e Vicepresidencia); Consorcio provincial de Lugo para a prestación do servizo contra incendios e salvamento; e Mesa Interdepartamental da Ribeira Sacra.
0.18868803977966