Por Chantada observa indicios de desviación de poder na modificación do plano urbanístico
A forza política Por Chantada presenta varias alegacións coas que busca mellorar o Plan Xeral de Ordenación Urbana de 1985, que segue en vigor no concello de Chantada.
Observando o interese xeral e garantindo os principios constitucionais de igualdade, seguridade xurídica e irretroactividade das normas que as modificacións propostas na normativa urbanística poñen en causa, buscan poder solucionar eivas do PXOU.
Segundo afirman “o máximo responsable destas e outras deficiencias do urbanismo local nos 37 anos que leva o PXOU en vigor foi quen leva sendo alcalde durante 24 anos, Manuel Lorenzo Varela. Con lexislaturas constantemente paradas e medidas opacas, sen transparencia e furtando o necesario debate e participación da veciñanza”.
“É cando menos rechamante a présa coa que chega esta modificación, aprobada nun pleno extraordinario despois de botar anos sen facer nada, ao tempo que se promete o novo PXOM, que leva décadas en trámite e nunca se traduciu en nada. Esta modificación puntual, en rigor, non atende a problemas moi graves como a falta de solo urbanizable para vivenda unifamiliar nas aldeas co que se prexudica ao medio rural. De feito, unha das 18 alegacións de Por Chantada verte sobre a deficiente delimitación dos núcleos rurais no PXOU en vigor”, afirman membros do propio partido.
Do mesmo xeito, afirman que “hai lugares que non se contemplan e seguen fóra de ordenación, outras aldeas que non engloban tódalas vivendas en solo de núcleo rural e tamén sitios sen un só metro cadrado para novas construcións impedindo deste xeito calquera nova construción e concentrándoa toda na vila co cal se favorece aínda máis o baleirado das aldeas e o crecemento en araña da trama urbana vilega”.
“Esta modificación feita no mes de agosto non contou con participación veciñal e a súa utilidade pública é moi cuestionable, xa que semella máis ben unha cacicada para arranxar expedientes de disciplina urbanística en curso, que nalgún caso contan con sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza e do Tribunal Supremo contrarias ao concello”, declaran dende Por Chantada.
Porén, Por Chantada cita nas súas alegacións “antecedentes e indicios que conducen a pensar que se quere solucionar pola porta de atrás problemáticas urbanísticas particulares baixo o interese público da globalidade da proposta, e, en consecuencia, poderiamos estar fronte unha desviación de poder”, sinala o partido.