Por Chantada logrou o apoio unánime do Pleno na súa petición de garantir unhas pensións dignas no interior galego

A candidatura veciñal Por Chantada – Interior Galego Vivo defendeu na sesión ordinaria do pleno celebrada o pasado 5 de decembro unha moción sobre as pensións que recibiu o apoio unánime da Corporación do Concello de Chantada.
Concretamente, os 12 concelleiros asistentes (a totalidade agás un do PSOE) acordaron, en primeiro lugar, que “o Concello de Chantada comprométese coa dignidade das persoas pensionistas e apoia que, por lei, se estabeleza que a pensión contributiva mínima sexa igual ao salario mínimo interprofesional (SMI)”, e que “manifesta a súa adhesión á campaña pola blindaxe das pensións na Constitución Española, mediante a prohibición expresa da privatización do Sistema Público de Pensións e da perda de poder adquisitivo das pensións, blindando as pensións como unha prestación social fundamental”.
Por último, a moción presentada insta a “dar traslado ao Congreso e ao Senado do Reino de España dos acordos adoptados para que lexislen e, por lei, se estabeleza que a pensión mínima sexa, cando menos, igual ao SMI, aplicando a tal efecto revalorizacións anuais progresivas até 2030. En todo caso, e con carácter inmediato, ningunha pensión contributiva no mundo rural debería ficar por baixo dos 1000 euros”.
O relator da moción e voceiro de Por Chantada – Interior Galego Vivo, Antom Fente, lembrou durante a súa defensa que “PP e PSOE reformaron en 2011 o artigo 135 da Constitución española sen referendo para impor o ditame de Bruxelas, é dicir, a estabilidade orzamentaria e entregar a soberanía económica. En outras palabras, para o que interesa a CE refórmase sen pudor, en canto para o fundamental, como as pensións, póñense escusas de todo tipo”.
De igual xeito, explicou que o fundamental para o sistema de pensións é “a solidariedade interxeracional, é dicir, a calidade do traballo, para o que é necesario que exista emprego e salarios altos”. Desta arte, Fente explicou que “o Fondo de reserva da Seguranza Social, a denominada como Hucha das pensións, volve incrementarse situándose hoxe en 5578 millóns de euros polo récord de de cotizacións. Porén, é moi pouco para o que podería ser, pois foi saqueado por Mariano Rajoy, xa que durante o seu goberno (2012-2017) pasou de 66.815 millóns de euros a só 8.095, sen esquecer os 5.000 millóns de euros que retirou Pedro Sánchez (2018-2019)”.
As provincias de Ourense e Lugo, as máis castigadas de Galicia
Desde Por Chanta – Interior Galego Vivo explican que Galicia conta cunha gran presenza relativa de pensionistas entre a súa poboación, pois, segundo o IGE, case nun terzo dos fogares galegos os únicos ingresos proceden de prestacións públicas, “polo que o que o nivel de benestar e calidade de moitas familias depende dunha pensión”, sinalan, e poñen de relevo que “son varios os concellos da nosa contorna onde as prestacións públicas son o principal ingreso da poboación por riba dos salarios dado o envellecemento elevado e a emigración da mocidade”. Segundo a Enquisa Estrutural a Fogares do IGE, nas provincias de Lugo e Ourense unha gran porcentaxe das rendas dos fogares proveñen de prestacións: o 37,69% e o 43,04% respectivamente.
“As pensións dignas son un elemento central da protección social e un dereito gañado pola clase traballadora que é obxecto de cobiza polo sector privado”, lembran desde a candidatura veciñal. A crise de 2008 e as conseguintes políticas de “austeridade” impuxeron como directriz adelgazar o gasto público, abrindo campo de expansión do sector privado, que xa se cobizaba na década de noventa por parte do Banco Mundial e as institucións do Consenso de Washington xunto á saúde, á auga ou á sanidade, sinalan. “O avance da axenda ultra liberal, agora na súa versión máis radical da mao da extrema dereita, pon en perigo avances sociais de décadas e tamén as pensións: o aumento da idade de xubilación e a expansión do negocio dos plans de pensións privados son unha constante na OCDE”.
Ademais, lembran que as pensións galegas son das máis baixas de todo o Estado: en 2024, a media das pensións é de 1.250,71 € mes a nivel xeral, en canto na Galiza é de 1.070,48 €, un 14,5% inferior. Isto agrávase nas provincias de Lugo e Ourense, que son as que contan coas pensións máis baixas de todo o Estado, algo especialmente dramático nas pensións de viuvez, por baixo de 700 €, o que non sucede en ningunha outra provincia.
As pensións en Ourense e Lugo, segundo datos do INSS, non superaron a barreira dos 1000 euros de media, e só este ano 2024 superaron lixeiramente os 1000 euros as de xubilación, mais continúan sendo as máis baixas de todas. Algo que, sinalan, “é especialmente dramático nun contexto de carestía xeral da alimentación, da enerxía e da vivenda após a pandemia da COVID-19 e hai unha fenda clara de xénero e tamén territorial, sendo as persoas que traballaron a terra e mantiveron o territorio e a paisaxe as máis damnificadas”.
Así, a situación das mulleres que cobran pensións é aínda máis dura, denuncian. A diferenza das pensións, en xeral, entre homes e mulleres na Galiza é de 25% (segundo dados do Ministerio de Facenda en 2022), supón 4.546 euros anuais menos de media ao ano que cobran as mulleres por baixo dos homes.
“Cos datos que temos, podemos afirmar que as persoas pensionistas de Lugo e Ourense son as máis pobres do Estado. De feito, o último informe da Rede Europea contra a Pobreza en España para o ano 2024 constata que as pensionistas galegas son as que sofren maior risco de pobreza: o 48,4% están por baixo do limiar da pobreza, encabezando esta clasificación a nivel estatal”, insisten.
Así mesmo, entre a poboación de máis de 65 anos hai unha tendencia de aumento da taxa de risco de pobreza e exclusión social nos últimos anos, tal e como denuncian dende a iniciativa veciñal, e “constátase que nas zonas rurais os niveis de desigualdade e pobreza son máis elevados ca nas áreas urbanas”.
Nos últimos anos o salario mínimo interprofesional elevouse até acadar os 15.876 euros anuais distribuídos en 14 pagas de 1.134 euros en 2024, algo que dende Por Chantada – Interior Galego Vico apoian, na liña da Carta Social Europea (CSE), e que, sinalan, “debería seguir avanzando até atinxir, cando menos, 60% do salario medio. Cómpre lembrar que a CSE foi asinada en 2011 polo Estado español, se ben non foi até datas recentes que se comezou a subir o SMI e as pensións, na secuencia do acordo programático para un Goberno de coalición entre SUMAR e o PSOE e coa oposición, dito sexa de paso, de PP e Vox”.
“Mellorar a contía das pensións do interior galego non só beneficia á maioría da nosa poboación, perceptora das mesmas, senón que favorece ao conxunto da nosa economía dado o seu elevado peso no conxunto das rendas dos nosos concellos”, explican. É por iso que agardan “que a moción aprobada por unanimidade en Chantada sirva de modelo para outros concellos e teña resonancia no Congreso e no Senado, onde deberían importar máis os problemas reais da cidadanía e menos os intereses da banca de das multinacionais”.