Por Chantada esixe unha mellor cobertura sanitaria nas comarcas de Lemos e Chantada

A candidatura de unidade popular, Por Chantada-IGV levará ao vindeiro Pleno da Corporación municipal unha moción que procura unha cobertura sanitaria suficiente na comarca.
O grupo municipal que entende “os servizos públicos e, nomeadamente, a sanidade, a educación e as pensións públicas como piares da democracia e da cohesión social”. De feito, o programa electoral co que a agrupación concorreu ás eleccións do 2023 xa recollía “apoio total ás demandas das traballadoras do PAC de Chantada: demanda de persoal suficiente, loita por unha segunda ambulancia e mantemento dun servizo digno de pediatría e fisioterapia”.
O grupo municipal xa a presentara outras mocións ao respecto na lexislatura pasada, e que, se ben algunhas foran aprobada, consideran que “a situación asistencial da veciñanza chantadina, tanto no Hospital Comarcal de Monforte como no Centro de Saúde da Chantada, seguen sendo insuficiente e viuse degradada nas últimas semanas, como temos advertido no que ten que ver co centro de saúde”.
O voceiro, Antom Fente, remarca que “a axeitada asistencia sanitaria é un servizo esencial que debe defenderse e exixe tamén igualdade para a veciñanza do rural, entre todos os territorios e cidadáns”.
“No Centro de Saúde, para alén de non contaren co suficiente persoal, enfróntanse con listaxes de agarda para probas ordinarias que poden chegar a pasar do ano e medio e con tempos intolerables en probas diagnósticas urxentes, como no caso de tumores”, denuncian dende a formación. Ademais, explican que “é das poucas comarcas que non conta coa Hospitalización no fogar (HADO) atinxindo dun modo directo a doentes crónicos que pola súa condición sofren a penosidade da carencia diste servizo”. Así, sinalan, “falta unha segunda equipa no PAC e cóbrense permisos, licenzas ou feiras saturando o resto de persoal”. Ademais, alertan “o Sergas nin sequera foi quen de atender a pequenas cuestións como arranxar a portada do aparcadoiro ou solicitar ao Concello un vao permanente para este”.
Por outra banda, segundo explican dende a agrupación, desde a eliminación en 2010 da capacidade de xestión da área sanitaria de Monforte, que cobre a 42.043 persoas, o Hospital comarcal de Monforte vénse resentindo nos seus servizos. “Perdéronse especialidades e levan anos sen cubrir vagas esenciais, como neuroloxía, cardioloxía ou dixestivo; recórrese atencións intermitentes que devalúan a atención e eternizan as listaxes de agarda; non existen urxencias pediátricas debendo recorrer a servizos privados ou a Ourense ou Lugo, e a saúde mental nin está nin se agarda”. Sinalan que ademais “mándanse as mostras a Lugo en taxi no canto de cubrir a praza de microbioloxía”, e poñen de relevo o sucedido co mamógrafo do hospital de Monforte, estragado durante semanas.
Por iso, dende Por Chantada espera que o Pleno da Corporación apoie a súa para instar á Xunta da Galiza a reparar todas estas eivas, xa que, din, “o que está en xogo é a saúde das persoas”.