Por Chantada esixe a rescisión inmediata do contrato do SAF

Por Chantada – Interior Galego Vivo critica que o goberno municipal continúe "xordo ao continuado malestar" en relación co Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e "non asuma a súa responsabilidade obrigando á empresa concesionaria a cumprir cos dereitos salariais e sociais das traballadoras", a pesar, segundo denuncian, de ter "pleno coñecemento do que acontece".
Segundo Por Chantada, "ademais das precarias condicións laborais das auxiliares, que non cumpren cos pregos, existen situacións graves como a ausencia de aviso ás familias cando non se envían traballadoras aos fogares, unha circunstancia reiteradamente comunicada ao goberno local". Ademais, subliñan que "cada día acode unha traballadora diferente", algo que, din, afecta especialmente ás persoas dependentes, para as que o cambio continuo de persoal supón un grave trastorno.
Por Chantada xa denunciara no verán "o incumprimento da normativa autonómica pola ausencia de traballadoras sociais, xa que o servizo era teledirixido virtualmente desde Santiago". Non obstante, a situación, segundo sinalan, "non só non mellorou, senón que empeorou", segundo alertou o sindicato CXT, que "racha co cómplice silencio da CIG". Actualmente, segundo estas denuncias, din, "a empresa concesionaria estaría permitindo que persoas sen colexiar e sen a titulación requirida exerzan como traballadoras sociais"
"A elevada taxa de baixas laborais" é, para Por Chantada, unha evidencia da "precarización" do servizo, que persiste "unha vez máis e tamén con esta adxudicataria". A concelleira Helena Fernández subliña que "é unha obviedade que o SAF ten unha especial prevalencia na afectación á saúde física e mental das traballadoras, o que só se pode explicar desde o recoñecemento dunhas condicións laborais inaceptábeis". Fernández tamén incide na necesidade de que o servizo sexa asumido pola Xunta de Galicia, garantindo "condicións iguais en todos os concellos" e eliminando as "asimetrías e o elevado cofinanciamento" que actualmente recae sobre os concellos e mesmo sobre a Deputación, que destina parte do Plan Único ao SAF.
Por Chantada lembra que a cláusula oitava do prego de condicións técnicas do contrato do SAF en Chantada establece que as persoas coordinadoras deben posuír o Grao ou Diplomatura en Traballo Social, ou unha titulación equivalente na área de servizos sociais. Non obstante, segundo a CXT, a falta de colexiación podería constituír "un suposto de intrusismo profesional, vulnerando non só o prego de condicións técnicas polo que a empresa Os Ventos presta o servizo, senón tamén o previsto na Lei Orgánica 10/1995, do Código Penal".
Durante o verán, sinalan, os postos de coordinación estiveron baleiros en varias semanas. A situación, din, agravouse cando en determinadas quincenas houbo ata "sete traballadoras de vacacións e seis de baixa", o que evidenciou "a total falta de previsión e de control por parte do goberno municipal".
"Estamos gastando máis dun millón de euros ao ano nun servizo que funciona cada vez peor desde que foi privatizado e onde o goberno local ampara todas estas irregularidades", denuncia Antom Fente, quen engade que "chegados a este punto, calquera pode ver que a privatización foi un negocio ruinoso para o concello e un beneficio para uns poucos". Para Fente, "o realmente coherente sería rescindir o contrato e sacar unha nova licitación", ademais de esixir á Xunta que asuma o financiamento das horas "como lle corresponde, sen machacar os recursos locais".
Así pois, Por Chantada reclama a rescisión inmediata do contrato coa empresa e a súa nova licitación ou, preferiblemente, a remunicipalización do servizo. Tamén exixe que o Concello intervenga ante os que consideran "continuados incumprimentos dos pregos do contrato, que están a prexudicar tanto ás auxiliares como ás familias usuarias do SAF".