Por Chantada denuncia recortes na Galiña Azul pese á alta demanda de prazas

Por Chantada – Interior Galego Vivo denuncia os “recortes” na Escola Infantil Galiña Azul de Chantada, que comeza o curso “con menos persoal a pesar de contar con cinco módulos en funcionamento e listas de agarda en case todos os tramos de idade”.
Segundo explica o grupo, a Xunta de Galicia non creou a praza de mestra necesaria na Relación de Postos de Traballo (RPT), “o que obriga a trasladar á docente que atendía a nova unidade, deixando ás crianzas con só unha profesional para módulos completos”. Por Chantada considera que esta situación constitúe “unha irresponsabilidade e un atentado á calidade educativa e á conciliación das familias, máxime no mes de setembro que é cando se dá o período de adaptación”.
“Non podemos aceptar que, tras anos de loita por ampliar e mellorar a Escola Infantil, a Xunta dea un paso atrás e condene a Galiña Azul de Chantada a funcionar de maneira anómala de forma crónica”, asegura o voceeiro do grupo municipal, Antom Fente, que considera que este feito supón “maltrato institucional e desigualdade de trato respecto doutras vilas”. Ademais, critica que “a promesa de enviar unha profesional a partir do 20 de outubro non deixa de ser parche” e dubida do seu cumprimento.
Dende o Por Chantada lembran no pleno do pasado mes de agosto o grupo xa presentoou unha moción urxente para esixir a reposición inmediata da praza. Porén, explican que o PP votou en contra da medida “deixando sen respaldo institucional a reclamación xusta das familias chantadesas e antepondo, máis unha vez, as siglas aos intereses da maioría”.
O grupo advirte que a situación é especialmente grave por producirse en setembro, período máis delicado do curso escolar, durante a adaptación das crianzas, cando máis persoal se necesita e as baixas ou permisos médicos tardan en cubrirse. Sinalan ademais que varias profesionais están de baixa, o que fai aínda máis incierto o inicio do curso.
“Tras ampliarse a escola cun quinto módulo, o compromiso do Consorcio tiña que ser dotar de persoal fixo, non cargar máis traballo sobre quen xa estaba. Chantada non quere ser máis, pero tampouco menos ca ninguén”, engaden desde Por Chantada. A formación tamén subliña que “do mesmo xeito a cociña aínda non está rematada e exiximos axilidade na contratación do persoal para que sexa unha realidade o seu funcionamento o antes posíbel, unha loita de moitos anos que, por fin, semella vai facerse realidade e que non debería demorarse até o 2025”.
Por Chantada – Interior Galego Vivo anuncia que continuará presionando política e socialmente ata que a Xunta repoña de inmediato a praza suprimida, para garantir “un servizo educativo digno, seguro e xusto para as crianzas e as súas familias”.