Por Chantada denuncia o incremento da presión fiscal no rural

RibeiraSacraXa
Advirten dun novo Catastrazo que levaría a “unha nova vaga de subas do IBI no contorno rural”
capela-do-faro-foto-por-chantada
Capela do Faro, foto de Por Chantada
12 May 2025

Por Chantada – IGV alerta dun novo episodio de Catastrazo despois de que o Concello, mediante un decreto asinado polo alcalde o pasado 4 de marzo (decreto 190/2025), contratase á empresa Cartografía e Medicións S.L. para revisar “todas as licenzas e comunicacións previas dos últimos cinco anos (2020-2025), así como outros expedientes”, o que consideran que levará a unha nova vaga de subas do IBI no contorno rural.

Segundo Por Chantada, nas últimas lexislaturas xa se produciu un “notábel incremento da presión fiscal e dos impostos con especial incidencia no medio rural (IBI, Catastro, lixo...)”, mentres que os servizos e as infraestruturas “están a anos luz da media europea”.

Desde a plataforma advirten que a situación podería empeorar e que este novo Catastrazo volvería penalizar ao rural chantadino. Nese sentido, lembran que xa na pasada lexislatura e na anterior, o chamado Catastrazo permitiu ao goberno municipal do Partido Popular recadar máis de 600.000 euros anuais, unha cifra á que cómpre sumar as cantidades cobradas con carácter retroactivo. “Uns ingresos que viñeron marcados pola reforma do ministro Montoro durante o Goberno de Mariano Rajoy e que foron decisivos para facer fronte ao plan de axuste e á débeda dun Concello que estaba tecnicamente quebrado”.

O grupo municipal denuncia que os últimos traballos catastrais xa realizados afectaron, sobre todo, a núcleos rurais, onde “fincas de patacas ou a barbeiro pasan a ser consideradas solares”, co que se aplica o IBI urbano no canto do rural, multiplicando así a carga fiscal para a veciñanza das aldeas. “Foron moitas as persoas que se achegaron ao Concello sen atopar solucións nin explicacións claras”, sinalan.

Por Chantada critica duramente que mentres “se bonifican impostos no Casco histórico” non haxa apoio fiscal “ás granxas ou á veciñanza que aposta pola aldea”. Unha política que, ao seu ver, contribúe ao despoboamento das parroquias, á degradación do parque de vivenda baleira e á percepción de abandono institucional no rural.

⚙ Configurar cookies
0.16659498214722