Por Chantada denuncia o "espolio" do Mosteiro de San Salvador de Asma ante o Ministerio de Cultura

RibeiraSacraXa
Advirten de que "o espolio do edificio tense consumado con total impunidade e sen ningunha actuación por parte da Xunta" e lembran que a portada e o tímpano románico perdéronse nos últimos anos
Detalle da portada e do tímpano eliminado no mosteiro de San Salvador de Asma. Foto de Xosé Méndez.
Detalle da portada e do tímpano eliminado no mosteiro de San Salvador de Asma. Foto: Xosé Méndez
20 Mar 2025

O movemento cidadá Por Chantada – Interior Galego Vivo leva anos denunciando publicamente o "espolio" do Mosteiro de San Salvador de Asma. Tras varias mocións no Concello, un escrito presentado no Parlamento de Galicia, así como denuncias ante Patrimonio e o Concello, ademais de varias comunicacións á Valedora do Pobo, consideran que "os resultados non foron satisfactorios", polo que volverán a esixir "que a Xunta e o Concello de Chantada deixen de eludir responsabilidades e actúen de maneira contundente e áxil".

Denuncian que "o espolio do edificio tense consumado con total impunidade e sen ningunha actuación por parte da Xunta". Neste senso, sinalan que o mosteiro, de orixe medieval, perdeu unha portada e un tímpano románico nos últimos anos. Por este motivo, explican: "Cursamos unha solicitude o pasado 24 de febreiro ao Ministerio de Cultura para que actúe fronte á Xunta e ao Concello de Chantada por deixadez, inacción e omisión dos seus deberes e competencias".

O Ministerio de Cultura respondeu a dita solicitude o pasado 13 de marzo, informando que xa solicitara informes ao Concello e á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta. Desde este último organismo, segundo explican, comunicaron ao Ministerio que "desde a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ordenouse a apertura de novas dilixencias previas para obter máis información sobre o sucedido e adoptar as medidas oportunas no caso de que se comprobe algún acto ilícito".

Ante esta situación, Por Chantada considera que realizou todas as accións e trámites ao seu alcance para pór fin ao abandono do mosteiro, o que motivou a apertura de novas dilixencias por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Por tanto, sinalan que "neste momento, a responsabilidade total sobre o que aconteza con este edificio histórico recae na Xunta de Galicia, que xa coñecía a situación de espolio desde hai anos polas iniciativas de Por Chantada e agora recibe un novo recordatorio para evitar que continúa o deterioro dun ben considerado BIC (Ben de Interese Cultural)".

⚙ Configurar cookies
0.16493487358093