Por Chantada denuncia o abandono do balneario de Mouriscados


Por Chantada – Interior Galego Vivo volveu poñer sobre a mesa “a necesidade de preservar o patrimonio histórico e cultural do municipio”. Nesta ocasión, o colectivo destaca a “preocupante” situación do balneario de Mouriscados, que se encontra nun estado de abandono que, segundo alertan, podería derivar na súa perda definitiva.
Desde a agrupación lembran que este non é un caso illado e citan exemplos coma a Torre de Arcos ou a portada románica e outros elementos do mosteiro de San Salvador de Asma.
Preocupación polo estado de San Salvador de Asma
O estado do mosteiro de San Salvador de Asma é unha das principais preocupacións do colectivo, que leva anos solicitando medidas para a súa conservación. Xa en 2015, apoiaron a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), e en 2017 presentaron unha moción no Concello de Chantada para que a corporación municipal adquirise a propiedade. Sen embargo, a proposta non saíu adiante.
En 2019, Por Chantada, a través da deputada Paula Vázquez Verao, denunciou no Parlamento da Galicia actuacións levadas a cabo sen licenza en dito convento, xa por aquel momento Ben de Interese Cultural, así como formulou denuncia perante a Dirección Xeral de Patrimonio e perante o Concello de Chantada que se pasaron o problema sen actuaren. Igualmente a Valedora do Pobo elevou ao parlamento no seu informe anual a situación do mosteiro, así como as súas queixas.
En 2022, a asociación propuxo a elaboración dun Plan de Especial Protección (PEP) para o mosteiro, co obxectivo de garantir a súa conservación. Non obstante, foi rexeitada polo PP.
Recuperar o balneario de Mouriscados
Máis alá do mosteiro, desde Por Chantada poñen o foco no balneario de Mouriscados, un espazo que no seu día tivo gran importancia pero que actualmente se encontra abandonado.
Por este motivo, instan ao Concello a tramitar o seu recoñecemento como Ben de Interese Cultural (BIC) ante a Xunta e a poñer en marcha iniciativas para a súa restauración e posta en valor. Ademais, consideran imprescindible mellorar a sinalización do lugar e desenvolver material divulgativo sobre o patrimonio local, tanto en formato físico na Oficina de Turismo coma en versión dixital.
Desde a agrupación municipalista insisten en que a conservación do patrimonio é clave para a identidade cultural de Chantada, polo que reclaman ao Concello e á Xunta de Galicia que tomen as medidas adecuadas para solventar esta situación.
