Por Chantada denuncia “falta de información” sobre a salubridade das fontes municipais

Por Chantada – IGV denuncia falta de información e transparencia por parte do Concello respecto á salubridade das fontes municipais. Explican que, tras levantarse o precinto da fonte da Ponte, posto o pasado mes de xuño, dende a alcaldía non se deu “información institucional algunha ao respecto”.
Ante esta situación, sinalan, Por Chantada recolleu unha mostra de auga que levou a analizar a un laboratorio e que, tras a interpretación técnica de dúas persoas expertas, levou á conclusión de que a auga non era apta para o consumo pola presenza de bacterias coliformes (contaminación fecal, xurros...) que a converten, denuncian, nun produto de risco para o consumo humano. Dende o grupo municipal fixeron pública dita información xa o pasado verán, chamando á poboación a non consumila. Ademais, presentaron unha instancia formal dirixida ao Concello solicitando o precintado inmediato da fonte e a publicación da información a través dun bando da Alcaldía mentres non existisen “datos fiables e contrastados do estado e da calidade das súas augas”, así como un protocolo de análise periódico das fontes de dominio público con difusión dun resumo dos mesmos e, especialmente, “de calquera risco que para a saúde das persoas poida supoñer o seu consumo, adoptando ao tempo medidas de seguridade serias e efectivas para alertar cando non estea totalmente garantida a salubridade”.
Porén, din, non obtiveron “resposta nin acción municipal algunha máis alá dun comentario verbal do Alcalde nun Pleno ordinario de que as fontes eran seguras”. Dende o Concello, pola súa banda, aseguraron que as analíticas non amosaban ningún problema, pero para Por Chantada esta información sería insuficiente, xa que din que as analíticas que solicitaron por escrito “nunca foron entregadas”.
Por iso, explican, dende Por Chantada recolleron una nova mostra que levaron a analizar e coa que, din, obtivéronse uns resultados “aínda máis alarmantes que na anterior”, concluíndo que “a auga non é apta para o consumo humano”. “As dúas analíticas que coñecemos da fonte son as que fixemos nós”, sinala Ibán Ratón, que recoñecen que as fortes chuvias poidan comprometer a calidade das augas, pero conclúen que “é inadmisible que non haxa nin a máis mínima actuación pública ao respecto” e que “as analíticas das fontes públicas deberían ser recorrentes e figurar publicadas na web do Concello e, as que non reúnan as condicións de salubridade necesaria, deberían ter un cartel que advirta que non é potable”.