Por Chantada demanda que o Concello tome medidas para controlar os niños das cegoñas
Por Chantada - Interior Galego Vivo demandará que o Concello de Chantada inicie os trámites perante a Consellaría de Medio Ambiente para colocar plataformas de niños que mitiguen o impacto negativo das cegoñas brancas nos edificios da vila e favorezan a convivencia destas cos seres humanos; así como demandar liñas de axuda análogas ás existentes para paliar os danos do lobo ou do xabarín nos territorios con maior concentración de cegoña branca.
Segundo explican, as necesidades da mudanza climática non son atendidas, e entre os novos desafíos está a convivencia con novas especies cuxas poboacións se dispararon polo abandono do agroecosistema tradicional, como pode ser o xabaril; ou outras especies, que mudaron os seus ciclos e hábitos, ampliándose o retorno anticipado ou permanecen aves migratorias como as cegoñas brancas (Ciconia Ciconia), "que por unha parte achegan biodiversidade e unha beleza indiscutible, mais por outro lado son crecentes os conflitos entre os niños desta especie e a propiedade dos inmobles, debendo actuar a Xunta en diferentes ocasións para a súa retirada, que só pode facerse legalmente en determinadas épocas do ano e baixo condicionantes regulados pola lexislación", explican.
Nos últimos anos retiráronse niños en Xoán XIII, Santa Ana, en diferentes pontos da Avenida de Monforte, na Avenida de Lugo, na Avenida de Portomarín, no mercado gandeiro.... Tamén no medio rural se actuou nos lugares do Solar, Pesqueiras ou Fornas. Porén, desde Por Chantada din que nin a Consellaría de Medio Ambiente nin o Concello de Chantada "teñen abordado esta problemática procurando solucións que permitan a convivencia e a instalación de aparatos nas chemineas", polo que houbo retiradas feitas por particulares de costas á administración "perniciosas para os animais e para as persoas, que se arriscan a un delito ambiental contra a avifauna que agora contempla o Código Penal".
Solucións á problemática
Como solucións e alternativas, a Consellaría de Medio Ambiente procedeu á colocación de plataformas artificiais en diferentes puntos para atraer as aves para que elaboren alí os niños. Pero a vila de Chantada non dispón deste recurso nin o Concello ten feito as xestións oportunas, "algo que debe mudar, dado que as poboacións asentadas no noso territorio son cada vez maiores".
Finalmente, din que ao igual que a Xunta ten liñas para indemnizar os gandeiros polos danos que causa a fauna salvaxe (lobo, xabaril, oso...)" é necesario ampliar estas cunha nova liña para as cegoñas que permita resarcir polos danos que houbera en comunidades de proprietarios, gandeiros, etc".
Por iso, Por Chantada avoga por elaborar, desde os servizos de medio ambiente do Concello de Chantada, un censo de niños coa súa correspondente localización para que os técnicos da Xunta poidan determinar onde pór as plataformas coas máximas garantías de éxito.
Tamén consideran importante que o Concello desenvolva unha campaña informativa onde se informe as comunidades de propietarios e propietarias das alternativas existentes para harmonizar a convivencia coas cegoñas, lembrar que os traballos necesarios para acondicionamento de niños deben facerse entre setembro e xaneiro e explicar a normativa e os condicionantes para a retirada coa debida supervisión e permisos dos técnicos da Xunta, sendo os concellos os que deben solicitar a autorización ás CCAA.