Por Chantada critica a aprobación das liquidacións da taxa de recollida do lixo da vila
Por Chantada vén de formular recurso potestativo de reposición contra a resolución de Alcaldía 880/2024 de 24 de setembro que aproba as liquidacións retroactivas da taxa de recollida do lixo dos exercicios 2021, 2022 e 2023, por valor de 225.625,30 euros, así como contra todas as comunicaciós individuais aos contribuíntes por "graves defeitos de forma e o acordo plenario 2º de 10 de outubro de 2024 por entendelo non axustado a dereito".
Entre outras cuestións expostas no recurso de 12 páxinas, maniféstase que non se cumpriu durante anos a ordenanza do ano 2013 e que non procede enviar agora tres anualidades de golpe, retroactivamente e coincidindo cos cobros da contribución (IBI).
"Entendemos que esta retroactividade ten mala fe e unicamente afán recadatorio, e que é a antesala dunha suba do recibo do lixo nos vindeiros anos, cando o servizo é totalmente deficiente con colectores en mal estado e sen posibilidade de separar nas parroquias", critican desde o partido.
Ademais, din que se está aplicando un cobro retroactivo "cando o Concello dispuxo de tempo suficiente e conta cos medios para poder emitir en tempo e forma as liquidacións ou, en último caso, mesmo podería explorar a vía da recadación conveniada coa Deputación de Lugo activa desde abril de 2015. No entanto, o acordo de cesión das competencias recadatorias na Deputación tampouco nos convence porque non se aprobou a súa publicación no BOP e no DOG, circunstancia esixida na Base 11.3 do convenio para que as modificacións entren en vigor, sen aclarar tampouco se se cede a vía executiva e ou tamén a voluntaria. Para maior escarnio, entendemos ilegal a prentensión de aplicar retroactivamente ás actuais liquidacións e non se aclarou a legalidade de ceder só o cobro no rural, mais non na vila cando os regula unha única ordenanza e pertencen a unha taxa de idéntica natureza", denuncian.
Ademais, denuncian que o rural "segue sen servizos básicos como sumidoiros, traídas ou colectores para separar o lixo, e pretende recadar 225.625,30 euros que se suman ao Catastrazo, que supuxo que cada ano se recauden máis de 650.000 euros de IBI a maiores do que se recaudaba antes. De feito, a popularmente coñecida como "contribución" supuxo, no ano 2023 e segundo a Conta Xeral do proprio Concello, 1.827.359,49 euros.
E engande que os predios no rural están pagando taxas polo IBI urbano que non se corresponden co valor real, "tendo en conta o crecente despoboamento, pasando agora a pagar polo lixo sen ter un servizo digno de recollida, separación e limpeza e sen esquecermos o feito de que hai bonificacións para ICIO no Polígono ou no Casco Antigo, mais non nas aldeas ou para os establos", sosteñen.
O alcalde e o PP néganse unha e outra vez, din, a aprobar estas bonificacións pensadas para o sector primario e tampouco contemplan na ordenanza do lixo bonificacións para persoas en situación de vulnerabilidade, familias numerosas ou primeiras vivendas, como si acontece noutros concellos.
Con todo, desde Por Chantada poñen a disposición da veciñanza o seu partido para analizar as problemáticas ou dúbida asociadas coas cartas que están chegando, así como para elaborar recursos de ser o caso.