Por Chantada critica o uso de material informático financiado con fondos europeos por parte do PP e do PSOE

RibeiraSacraXa
Segundo a formación, estes dispositivos, que inclúen micrófonos, cámaras e ordenadores portátiles, deberían destinarse a reducir a fenda dixital entre a poboación máis vulnerábel
Imaxe de ordenadores
8 Jan 2025

A candidatura veciñal Por Chantada – Interior Galego Vivo denunciou publicamente o uso que os grupos municipais do Partido Popular e do Partido Socialista Obrero Español están a dar ao material informático entregado pola Deputación de Lugo con cargo aos fondos europeos FEDER. Segundo a formación, estes dispositivos, que inclúen micrófonos, cámaras e ordenadores portátiles, deberían destinarse a reducir a fenda dixital entre a poboación máis vulnerábel en lugar de ser utilizados polos concelleiros.

Entre os materiais proporcionados están os micrófonos e cámaras para retransmitir os plenos municipais, unha demanda que Por Chantada defendeu en numerosas ocasións, pero que, segundo afirman, o PP rexeitou reiteradamente. Estes equipos permanecen sen uso e aínda embalados no seu plástico orixinal, xa que, segundo a agrupación, "ao alcalde non lle interesa fomentar a transparencia nin que se coñezan as sesións plenarias". Actualmente, os plenos son gravados pola propia candidatura veciñal.

Por outra banda, a Deputación entregou ao Concello de Chantada un total de 14 ordenadores portátiles e varios equipos de sobremesa destinados á Casa da Cultura. Porén, Por Chantada denuncia que cinco deses portátiles, un 34% do total, foron entregados a concelleiros, entre eles o alcalde Manuel Varela e outros membros do PP e do PSOE.

En resposta a unha solicitude presentada por Por Chantada, o Concello confirmou esta distribución mediante a Resolución 1172/2024, na que se especifica que os beneficiarios inclúen o alcalde Manuel Varela e outros concelleiros do PP, así como o voceiro socialista Mariano López.

A agrupación veciñal considera que esta asignación de recursos contradí o propósito dos fondos europeos, que deberían destinarse a reducir as desigualdades e modernizar o tecido económico local. Ademais, critican que o proxecto, financiado pola Unión Europea con 4,5 millóns de euros, incluíu a compra deste material tecnolóxico sen garantir o seu uso axeitado.

Desde Por Chantada sinalan que a dixitalización debe enfocarse en ferramentas de software libre para evitar os custos recorrentes que os concellos enfróntanse ao depender de ferramentas privativas, e avogan por medidas que realmente reduzan a fenda dixital, como a mellora da conectividade rural ou o apoio ás familias en situación de vulnerabilidade.

Finalmente, a agrupación insta a Deputación de Lugo a verificar que todo o material entregado se atopa en uso e non almacenado ou sen abrir, como ocorre cos equipos destinados a gravar os plenos, e que os dispositivos beneficien realmente os traballadores municipais e non os cargos políticos.

0.16897797584534