Por Chantada alerta da construción dun parque eólico entre o Alto de Ramos e A Vacariza
A agrupación Por Chantada – Interior Galego Vivo alerta de que o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, autorizou a instalación dunha torre de medición anemométrica por parte da empresa Seyal Wind, S.L. preto do lugar de Xedive, mediante Resolución de alcaldía datada a 1 de outubro.
Concretamente, alertan, “na parcela catastral 27016A136001060000WE, a devandita empresa ten intención de desenvolver un proxecto eólico ao amparo dunha desfasada planificación eólica por parte da Xunta que contempla un polígono para o desenvolvemento desta enerxía entre o monte de mao común da Vacariza e os montes do Alto de Ramos e A Purreira.”. Desde Por Chantada sinalan que “resulta contraditorio darlle tanto bombo á declaración de patrimonio da humanidade da Ribeira Sacra e ao tempo permitir a instalación de parques eólicos ou desenvolver toda a candidatura de costas aos habitantes reais deses territorios”.
“Folga dicir que nada do que produzan estes parques vai redundar positivamente nin nas familias que habitan o territorio, nin no seu tecido económico”, explican. “Os estudos feitos en concellos como Muras, o concello galego con máis aeroxeradores instalados, demostraron que, a máis parques menos poboación e menos emprego”.
Ademais, expresan que “resulta aínda máis grave que se autoricen este tipo de actuacións cando o común da cidadanía descoñecemos absolutamente todo do proxecto e da área que vai afectar directa e indirectamente, mentres empresa, Xunta e PP parecen dispor dunha completa e nutrida información, pois mesmo houbo persoas que recibiron xa chamadas ou visitas ofrecendo o ouro e o mouro en troca de asinar contratos leoninos”.
Advirten que este “desenvolvemento” eólico, ao que tachan de espolio e expropiación encuberta, pon en risco o valor paisaxístico que ampara proxectos turísticos así como compromete a SAU e a viabilidade de moitas explotacións das parroquias de Vilaúxe, Pereira e Santa Uxía de Asma. “Estamos unha fragmentación ilegal que non ten en conta as sinerxías cos parques Serra do Faro I e II, así como cos proxectos Avoceta Wind en Carballedo, cuxa autorización ambiental foi denegada pola propia Xunta o pasado 5 de agosto, e outro proxecto na área de Morgade que tamén leva o apelido Wind. Diferentes empresas pantalla constituídas co mínimo capital para facer unha operación especulativa de calado e que enriquece a especuladores internacionais”, explican.