Por Chantada acusa a PP e PSOE de querer apropiarse dunha iniciativa veciñal presentada fai un ano

A loita por unha nova ponte de duplo sentido de circulación no Barrio da Ponte, que permita a súa peonalización e evitar a actual perigosidade para peóns, leva sendo unha demanda constante de Por Chantada e así o defendeu en diversas xestións que desenvolveron desde 2015, explican desde o partido.
Lembran que, precisamente, hai pouco máis dun ano, o 10 de outubro de 2023, aprobouse unha moción da candidatura veciñal Por Chantada-IGV por unanimidade, que entre outras cousas contemplaba que “no prazo máximo dun ano, o Concello elaborará un proxecto para construír unha Ponte que conectase as beiras do río Asma” e que, de ser inviábel, “o proxecto recollerá unha alternativa tecnicamente axeitada que permita mellorar a conectividade de San Salvador de Asma e as parroquias ribeirás ao tempo que solvente os graves problemas de seguranza que actualmente sofre o Barrio da Ponte”.
O mesmo texto recollía que “no prazo máximo dun ano desde a redacción dese proxecto, o alcalde presentará para a súa aprobación en Pleno unha modificación puntual do plan xeral de ordenación urbana que oficialice o trazado proxectado”.
Explican que, segundo a moción aprobada o Concello de Chantada, comprometíase a impulsar “accións decididas perante outras administracións para a construción dunha ponte de duplo sentido no Barrio da Ponte”, así como a impulsar “un plano de especial protección que englobe o Casco antigo, a Fábrica do Merluza e o Barrio da Ponte pulando pola peonalización, o soterramento dos cabos e o impulso dos valores patrimoniais e paisaxístico”.
Destacan tamén como, naquela moción, a Valedora do pobo sinalara en 2018 a perigosidade á que se expuñan residentes e peóns, en pleno Camiño de Inverno, e tamén como o alcalde e a Deputación quixeron poñer un semáforo que regulase un único sentido da marcha, o que causaría atascos e non era unha solución axeitada. “Felizmente, a acción de Por Chantada e as queixas e de numerosas asociacións paralizaron aquel despropósito”, din.
Amais, explican, “a propia Valedora lembraba como se lle dera ao alcalde (en outubro de 2018) un documento técnico con carácter de estudo previo, do que por certo nunca nada máis se soubo, e que debía renunciar formalmente ao convenio subscrito coa Deputación (o semáforo), cuestión que tampouco se fixo aínda a día de hoxe”.
Por iso, sinalan, “a nosa moción é o acordo unánime en outubro de 2023, porque era de xustiza moverse para conseguir unha actuación vital para Chantada: a ponte de duplo sentido, que é o que sempre reclamou Por Chantada”.
Acusan ao PSOE de presentar unha moción “case idéntica”
Así, o principal grupo da oposición na Corporación do Concello de Chantada di “non ter saído do seu abraio co acontecido na derradeira reunión plenaria do 5 de decembro á que, sen unha faragulla de pudor, o PSOE de Chantada levou unha moción case idéntica só que agora rebáixase a ponte a obra de paso”. Iso si, explican, “dos pasos dados en cumprimento do acordo plenario de outubro de 2023 por parte do PP -que ostenta a maioría absoluta e exerce o goberno local- e por parte do PSOE, que aludiu ás súas siglas nas institucións provinciais para instar a efectividade do acordado- nada soubo Por Chantada, propulsor da moción- neste ano longo que transcorreu desde entón”.
Por iso, segundo a concelleira Fernández Montes, “a sorpresa foi máxima cando atoparon que os representantes dos Socialistas de Chantada, sen ningún tipo de reparo e como adoecidos dun oportuno esquecemento transitorio, traían ao Pleno a mesma moción descafeinada”.
A proposta á que se refiren solicita “a colaboración Confederación Hidrográfica Miño-Sil para proxectar e executar unha obra de paso sobre o río Asma e os seus enlaces á rede viaria actual, así como acometer unha modificación puntual do plan xeral de ordenación urbana que lle de encaixe legal á obra de paso e os seus enlaces viarios, e incluír o barrio de A Ponte dentro das figuras de protección urbanística que o englobe na dinámica do casco histórico de Chantada, xunto con outros elementos senlleiros dentro do seu entorno”.
Por Chantada denuncia “o proceder caciquil da Gran Coalición PP-PSOE”
Dende Por Chantada rexeitan “ese xeito de facer política, que tanto manca á imaxe da política, e onde non só queren facer crer á cidadanía que a execución do proxecto no barrio da Ponte é unha proposta deles obviando a súa falta de coherencia e o labor de anos de Por Chantada, senón que tamén continúan perpetuando a imaxe caciquil de que se executan obras polo poder influencia das siglas PP e PSOE, como se estivésemos na Restauración borbónica do século XIX e non nunha democracia do século XXI”.
Pola súa parte, Antón Fente engade que “son os impostos e os cartos de todos os que permiten facer actuacións e se non se fan máis é precisamente polo caciquismo e a concepción patrimonialista da política de PP e PSOE”.
Engade o concelleiro que “ao oportunismo do PSOE sumouse o beneplácito do PP, que estivo moi de acordo con esta ‘novidosa’ moción da Gran Coalición”. “Non é nada novo nin me preocupa que se tente eclipsar ou que se calumnie o traballo de Por Chantada, pois é algo que vén sendo habitual ao ser quen pode rematar con décadas de caciquismo, mais o que realmente me preocupa é que na proposta da Gran Coalición fálase de obra de paso e nunca de ponte polo que podería ser só para peóns e non para vehículos nin de duplo sentido polo que non solucionaría nada”, sinala.
“Se imos gastar fondos públicos que sexa para unha solución real, que permita peonalizar o Barrio da Ponte e integralo posteriormente co Casco antigo e coa Alameda, incluíndo a Fábrica do Merluza”, reclama o voceiro de Interior Galego Vivo, que entende que “para alén da incorrección política e a falla das mínimas regras de hixiene democrática, o nó gordiano do asunto é que se o facemos mal agora non imos ter unha segunda oportunidade, isto non vai de vender obras ou casar con siglas, vai de facer o mellor para a veciñanza e o futuro da vila”.
En todo caso, conclúen as voces de Por Chantada que o seu interese é sempre “o bo camiñar da vila de Chantada cara a humanización dos seus espazos e do seu urbanismo, que redunde nun futuro próspero para todas as persoas que habitan a vila, polo que, sexa como for, que se execute a ponte do barrio da Ponte será sempre unha boa nova, mais desconfían, até que o proxecto sexa público, de que obra de paso sexa sinónimo da ponte que Chantada merece”.