Poñen a disposición da industria forestal unha liña de carballos de bidueiros de alta calidade

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Garantizan a dispoñibilidade de plantas de calidade nos montes e, en consecuencia, a xeración de recursos que poidan ser utilizados pola industria.
bosque carballos
6 Aug 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, e o vicepresidente da Fundación Paideia Galiza, Guillermo Vergara, veñen de renovar a colaboración iniciada en 2018 para mellorar o material forestal de reprodución de Galicia. En concreto, tres anos despois de impulsar as actividades de investigación e transferencia da produción de carballo, agora inclúen tamén o bidueiro, para garantir a dispoñibilidade de plantas de calidade nos nosos montes e, en consecuencia, a xeración de recursos que poidan ser utilizados pola industria. O Goberno galego investirá máis de 173.000 euros ao abeiro deste acordo, case 40.000 euros máis que os destinados ao anterior convenio de colaboración subscrito entre as partes.

En concreto, a Fundación Paideia Galiza comprométese a continuar coa reprodución e mantemento polo método de cultivo in vitro dos descendentes de 20 xenotipos de carballo, seleccionados nos diferentes rodais selectos de Galicia, para a conservación do seu xermoplasma e a subministración de material suficiente para as instalacións de mouteiras demostrativas. Así, realizarase tanto no viveiro de Cultigar -pertencente á Fundación- como no Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán -dependente da Xunta- a optimización do crecemento en viveiro previo á plantación en campo das 1.000 plantas aportadas entre todos os xenotipos. Nesa liña, procurarase producir cando menos 15 plantas de cada un destes 20 xenotipos, para poder instalar un campo de ensaio clonal coas suficientes garantías a nivel estatístico.

Así mesmo, a Fundación buscará ampliar a base xenética da colección inicial de carballo -mediante a clonación in vitro das árbores sobresaíntes adultas- e realizará estudos de conservación en frío dos xenotipos estudados desta especie para o mantemento do seu xermoplasma a longo prazo.

Canto ao bidueiro, a Fundación Paideia analizará a capacidade de multiplicación e posta a punto da técnica de reprodución por cultivo in vitro dos individuos sobresaíntes desta árbore na plantación experimental de Bóveda. Tamén se xerminarán parte das sementes que se recollan destes individuos e se estudará a posibilidade de clonalas mediante cultivo in vitro. Por último, a Fundación encargarase da implementación da metodoloxía para o estudo das características da madeira das diferentes árbores sobresaíntes de carballo e bidueiro, así como de organizar unha xornada para a divulgación do traballo realizado e para a formación sobre a xestión forestal.

No que respecta á Consellería do Medio Rural, primeiramente aportará persoal técnico e científico especializado. Concretamente, a través do CIF Lourizán e da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, destinará a cumprir os obxectivos do convenio unha doutora experta en xenética forestal, un coordinador e un técnico especialista en material forestal de reprodución.

Así mesmo, a Xunta tamén participará na coordinación técnica e na programación das actuacións, garantindo a rastrexabilidade de todo o material xenético de carballo e bidueiro recollido e contribuíndo a avaliar a súa idoneidade para ser transferido e comercializado polo sector.

Nese senso, cómpre sinalar que o convenio persegue reducir a dependencia externa na comercialización de ditas especies procedentes doutros países da Unión Europea, co obxectivo fundamental de establecer metodoloxías e procedementos técnicos para a produción en Galicia nas cantidades que se están a demandar, co fin de asegurar un correcto establecemento e viabilidade de futuro nas repoboacións dos nosos montes, coas mellores características xenéticas que permitan a resiliencia dos nosos bosques e, ao tempo, o abastecemento da cadea monte-industria.

0.15683603286743