Polas Bravas encherá de música a vila de Chantada do 30 ao 31 de maio

A Asociación feminista de Chantada ‘Polamiúda’ sube o venres 30 de maio o pano da terceira edición do seu festival cultural Polas Bravas, un evento gratuíto de arte e creación multidisciplinar que ofrece propostas culturais vangardistas feitas por mulleres bravas galegas. O Polas Bravas desenvolverase, de balde, o venres pola tarde o todo o sábado 31 en diferentes localizacións da vila. Conta coa colaboración do concello de Chantada, a Deputación de Lugo e o tecido empresarial e o pequeno comercio local.
A programación de Polas Bravas abrangue un amplo espectro de actividades: dende a música de PAVA ata o circo de Marta Sempre Arriba, pasando polo teatro de Isabel Risco, entre moitas outras propostas que empaparán de feminismo e cultura o concello lugués da Ribeira Sacra.
Programa do venres
O programa do festival dará comezo na noite do venres 30, ás 21.30 na Rúa Leonardo Rodriguez, coa actuación de Erre que Erre, un duo de regueifeiras composto por Lorena e Nuria, que ademais de actuar por todo o país son formadoras en regueifa, facendo que esta arte tan nosa perviva no tempo e enganche coa rapazada. A continuación, ás 22.30 horas, o público poderá deleitarse nese mesmo espazo cun espectáculo cómico do grupo Impro-Conas. Esta equipa feminista está formada por tres actrices (Paula Pier, Carlota Rosón Rojo e Antía Costas) que traen un chou arriscado e totalmente improvisado, con xogos frescos nos que participa o público.
O primeiro día do festival rematará coa sesión da DJ franco-camerunesa Dj Eva Chloé, que collerá o timón da mesa de misturas a partir das 23.30 cunha sesión que de seguro fará bailar a todo o público.
Programa do sábado
Xa o sábado 31, o Polas Bravas arrancará ás 11.15 no parque Eloísa Rivadulla (Parque dos Pendellos) cunha actuación moi especial incluída no programa ‘Cantando na escola’, un fermosísimo coro infantil dirixido por Marcos Fernandez (recoñecido músico local e director da escola de música A Academia) creado para o Festival. A mañá seguirá con circo ao aire libre, ás 11.30, coa peza C’est Pas Possible da compañía Sempre Arriba, coa que Marta Iglesias comezou a súa andaina en solitario en 2018, creando varios espectáculos nos que aproveita o clown como elemento comunicativo combinándoo coa acrobacia aérea.
O festival continuará ás 12.30 horas coa actuación de Diana Kurich e Inés Mirás cunha sesión de poesía e música. Diana milita activamente en organizacións que comparten a interseccionalidade das loitas e que sempre o fan a través da música e na rúa. Inés está centrada en contar historias a través de notas musicais.
A mañá rematará no Parque Eloisa Rivadulla coa actuación ás 13:30 de Iria, Vane, Majo e Nerea, as Lambe Lambe, catro cantareiras de Vilalba que levan tempo termando da nosa tradición oral, recuperando coplas e adaptando outras, dende o respecto á tradición mais cun encaixe de absoluta actualidade. Estas mullerazas estarán acompañadas polo xa queridísimo Coro das Mulleres Bravas, unha formación de mulleres chantadinas de todas as idades que unen voces e enerxías para conxugar nunha actuación a esencia do Polas Bravas.
Tras un pequeno descanso na programación para coñecer a vila e visitar ás veciñas Bravas (todos eses pequenos negocios que apoian o Polas Bravas), haberá que achegarse ás 18.30 horas ao Auditorio Municipal para asistir á actuación da recoñecida actriz Isabel Risco coa súa obra Bravas. Risco propón un xogo desde o teatro cómico e comprometido. Alegre e combativa, porque entende que se non podemos bailar, se non é divertíndonos, tampouco é a nosa revolución. Con este espectáculo pretende ademais reivindicar o humor das mulleres, que ofrece unha perspectiva única, plural, diversa, poliédrica e tan necesaria da realidade. Contarase ademais cun servizo de animación e coidados para crianzas durante toda a representación no propio Auditorio.
De volta ao Parque, será a música a protagonista. A partir das 20.30 horas o público deleitarase con Bandidas, un ensemble de vento madeira que xorde expresamente para o Polas Bravas do interese e o amor pola música das mulleres da Banda de Música de Chantada. Estreáronse no festival o ano pasado emocionando a todo o público asistente. Xa ás 21.15 actuará Rager, unha banda de rapazas de 17 anos que provén do proxecto Xeración Sónica do Concello de Pontevedra destinada á mocidade de 13 a 17 anos.
Ás 22.00 subirá ao escenario PAVA, o proxecto musical da poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao, acompañada de Analís Guillín (batería), Pablo Silva (guitarra) e David Santos (baixo). PAVA é unha das propostas máis orixinais e contundentes do pop galego actual. Obtiveron o segundo premio NARF no 2023 e mais o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie no 2024. O seu terceiro EP, Pava 3, saíu o pasado mes de decembro, e nel seguen a estar presentes as liñas mestras dos EPs previos: letras coidadas e melodías exquisitas atravesadas por cuestións de xénero, identidade sexual, idade e lingua.
A noite continuará coa música, a partir das 23.15, de Bratzantifa, o dúo composto por Lucía e Marina que ten gañado un sitio de honra no Polas Bravas logo da magnífica e vibrante actuación na primeira edición. O broche final porao a partir das 00.00 horas KrisK Dj, unha das Dj máis recoñecidas do país, residente da Duendeneta, que ten pinchado en festivais como Portamérica, Caudal Fest, Atlantic Fest, Revenidas, Festivala, Atlantic Pride...