Polas Bravas continúa este sábado en Chantada cunha xornada chea de música e cultura

RibeiraSacraXa
Lila Star, PAVA ou Bandidas serán algunas das actuacións previstas para a segunda xornada do fesival
polas-bravas-2024-foto-polamiuda
31 May 2025

Polas Bravas, o festival feminista de Chantada organizado pola Asociación Polamiúda, continúa este sábado, 31 de maio, cunha extensa programación cultural marcada pola música, o teatro e a creatividade feita por mulleres.

A xornada arrinca ás 11:15 horas no parque Eloísa Rivadulla (Parque dos Pendellos) coa actuación do coro infantil ‘Cantando na escola’, dirixido polo músico Marcos Fernández. Ás 11:30 horas, celébrase un espectáculo de circo ao aire libre e o concerto de Lila Star, que substitúe a Marta Sempre Arriba. A continuación, Diana Kurich e Inés Mirás ofrecen unha sesión de poesía e música. A mañá remata ás 13:30 horas coa actuación das Lambe Lambe, catro cantareiras de Vilalba que recuperan a tradición oral dende unha perspectiva actual.

Xa pola tarde, ás 18:30 horas, o Auditorio Municipal acolle a obra ‘Bravas’, da recoñecida actriz Isabel Risco, unha proposta de teatro cómico e comprometido que pon en valor o humor feminino. Durante a representación haberá servizo de coidados para crianzas.

A música volve ao parque a partir das 20:30 horas con Bandidas, un ensemble de vento madeira formado por músicas da Banda de Música de Chantada. Segue ás 21:15 horas co concerto de Rager, unha banda de rapazas de 17 anos do proxecto Xeración Sónica de Pontevedra. Ás 22:00 horas sube ao escenario PAVA, o proxecto musical de Lucía Aldao, acompañada por Analís Guillín, Pablo Silva e David Santos.

A noite continúa ás 23:15 horas co dúo Bratzantifa, formado por Lucía e Marina, e pecha ás 00:00 horas con KrisK Dj, unha das DJ máis recoñecidas do país.

⚙ Configurar cookies
0.16680002212524