Pantón estrea esta fin de semana o seu primeiro Mercado de Nadal con actividades para a infancia

RibeiraSacraXa
A Praza do Concello acollerá postos de artesanía e propostas lúdicas desde este venres, coa apertura de Infantilandia
Pantón-Nadal
3 Jan 2026

O Concello de Pantón dará esta fin de semana a benvida ao Nadal coa celebración do seu I Mercado de Nadal, unha iniciativa que se desenvolverá na Praza do Concello e que estará acompañada dun amplo programa de actividades dirixidas á infancia. A programación arrincará xa este venres coa apertura de Infantilandia, marcando o inicio dunha fin de semana pensada para o lecer familiar.

O mercado celebrarase en horario de 11:00 horas a 19:00 horas e contará cunha decena de postos nos que será posible atopar diferentes propostas para as compras de Reis, desde produtos de costura, xabóns e candeas artesanais ou pezas de arxila, ata artigos elaborados con gancho, galletas, bolsos, xoguetes, xoias e material de papelería, ademais dun posto de carácter solidario. A asignación dos espazos para os postos realizarase o sábado día 3 ás 8:00 horas na propia Praza do Concello.

Durante as dúas xornadas, o protagonismo será tamén para as nenas e nenos, cun programa específico de actividades. O sábado haberá sesión de contacontos ás 11:00 horas e un obradoiro de globoflexia ás 17:00 horas, mentres que o domingo, desde as 11:00 horas, celebrarase un taller de pelotas divertidas.

A programación de Nadal en Pantón completarase o día 5 de xaneiro coa celebración do Festival de Reis Magos. Desde as 17:00 horas haberá actividades na Praza do Concello e, a partir das 18:00 horas, as Súas Maxestades recibirán ás nenas e nenos no salón de actos do Edificio Sociocultural, nunha das citas máis esperadas destas festas.

⚙ Configurar cookies
0.075210809707642