Pantón acolle a XXXV Rota do Románico ata o vindeiro 7 de xullo
O Concello de Pantón acolleu a presentación, no Mosteiro das Bernardas da Ferreira, do programa da XXXV Rota do Románico. As diferentes conferencias e concertos terán como escenario o salón de actos da casa da cultura e o Mosteiro do Divino Salvador de Ferreira. Este foi, unha vez máis, o lugar escollido para a presentación, punto emblemático na Ribeira Sacra, por manter a vida relixiosa ata os nosos días.
Como parte desta edición da Rota do Románico de Pantón, prográmase unha xornada de portas abertas na igrexa de Santo André de Ribeiras de Miño. Está previsto que as obras de restauración que se acometen no retablo rematen entre finais de xullo e comezos de agosto, cando estean completados estes traballos, anunciarase a visita.
De presentar esta XXXV edición das Xornadas da Rota do Románico de Pantón encargáronse o alcalde, José Luis Álvarez; a concelleira de cultura, Cristina Domínguez e a coordinadora da Rota, Flora Enríquez, que convidaron á participación nas diferentes actividades.
“O viño e o patrimonio son dous dos principais valores que ten o municipio de Pantón, e con eles as paisaxes e tradicións que levan asociadas. Hai un mes celebrábamos a XXIX Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón e chega agora o momento doutra actividade emblemática no noso concello, a Rota do Románico. Xa son 35 anos poñendo en valor o noso patrimonio e os nosos recursos da man do románico”, destacou o rexedor local”.
PROGRAMA
O programa de actos componse de diversos eventos, que comezaron onte coa presentación do evento e que se alongan ata o vindeiro 7 de xullo.
Desta maneira, o vindeiro 14 de xuño ás 20.00 horas terá lugar a conferencia ‘El románico en el paisaje de la Ribeira Sacra’ da man de Isabel Aguirre, arquitecta e paisaxista, no salón de actos da Casa da Cultura de Ferreira.
Pola súa parte, o 23 de xuño desenvolverase a XII edición da Sinfonía no Mosteiro, un concerto de música medieval ‘Lug’Antiga_Ensemble’ na Igrexa do Mosteiro cisterciense de Ferreira.
Xa o 28 de xuño, ás 20.00 horas, a Casa da Cultura de Ferreira acollerá a conferencia ‘As pinturas muráis nas igrexas románicas de Pantón: Atán Eiré e Pombeiro’ da man de Berta Varela, historiadora da arte.
Entrando en xullo, o día 5 ás 20.00 horas tamén haberá unha conferencia no mesmo lugar baixo o nome de ‘Los retablos barrocos nas igrexas da Ribeira Sacra: Pantón e Sober’ da man de Saleta López, historiadora da arte.
E, finalmente, o 7 de xullo ás 19.00 horas terá lugar o concerto do grupo de corda Aksak con fusión de música tradicional turca e música galega no xardín do mosteiro cisterciense de Ferreira.