Os “Trens Turísticos de Galicia” percorrerán as principais rutas do viño da provincia de Ourense
Os “Trens Turísticos de Galicia” presentáronse este venres na Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) como unha alternativa sostible para descubrir a provincia de Ourense a través das rutas do viño das súas Denominacións de Orixe. O presidente do Inorde e deputado provincial de Turismo, Rosendo Fernández, participou no stand de Galicia en IFEMA na presentación da undécima edición desta iniciativa, posta en marcha en 2013 polo Inorde, RENFE e Turismo de Galicia.
Durante a súa intervención, Rosendo Fernández repasou os lugares ourensáns que os viaxeiros poderán visitar a través destas rutas. Destacou o éxito que colleita ano tras ano esta proposta turística, que “permite aos usuarios coñecer a provincia desde a perspectiva que ofrece o tren, percorrendo enclaves naturais, enogastronómicos, patrimoniais e culturais de referencia, sempre acompañados durante todo o traxecto por un guía especializado”.
Ourense volverá ter un protagonismo destacado nesta edición, “xa que 5 das 13 rutas ofertadas atravesan a nosa provincia”, sinalou Fernández. Ademais, destacou como novidade “a recuperación da ruta da Ribeira Sacra e de Valdeorras, que non puido realizarse en edicións anteriores debido ás obras neste trazado ferroviario. Unha oportunidade única para coñecer de primeira man os que moitos consideran os mellores viños do mundo”.
As rutas incluirán visitas a adegas e a lugares de gran interese patrimonial como o Mosteiro de San Pedro de Rocas, o Santuario das Ermidas, o Castro de San Cibrao de Las ou o Castelo de Monterrei. Tamén haberá paradas nos Museos das Estacións de Tren do Inorde, que recollen boa parte da historia, cultura e etnografía ourensá, e algunhas rutas incluirán incluso viaxes en catamarán.
Consolídanse, ademais, iniciativas como as visitas teatralizadas na Aula-Museo do Ferrocarril en Os Peares e na fortaleza de Monterrei, ou visitas singulares ao “ecoespazo do Rexo” en Allariz e á Colexiata de Xunqueira de Ambía, un dos grandes referentes patrimoniais da Vía da Prata, antes de volver á estación histórica de Baños de Molgas para tomar o tren.
“Todo isto permite seguir innovando e facendo máis atractiva esta oferta que tanto nos enorgullece. Por iso, só me queda animarlles a subirse ao tren e deixarse marabillar por un lugar tan auténtico como é Ourense”, afirmou Rosendo Fernández.
Nesta nova edición, ofértanse un total de 13 rutas con temáticas diferentes para coñecer Galicia, cun total de 33 saídas. Mantense o prezo de 45 euros por adulto e 20 euros para nenos de entre 3 e 13 anos, cun desconto do 15 % para grupos de 10 ou máis adultos.