Os traballos en Penas do Castelo, sacan á luz un novo acceso ao xacemento

RibeiraSacraXa
Os traballos en Penas do Castelo, na zona da Ribeira Sacra, sacan á luz un novo acceso ao xacemento que conecta co recinto principal
Penas do castelo APobraDoBrollon
22 sep 2022

As investigacións realizadas no xacemento de Penas do Castelo, unha zona arqueolóxica situada no concello da Pobra do Brollón, sacan á luz dúas caras dunha entrada monumental de tres metros e medio de ancho e que dá acceso ao recinto principal.

A primeira sondaxe realizada ao abeiro desta actuación permite descubrir un muro exterior situado fóra da muralla principal, que resulta ser unha primeira muralla defensiva de case un metro de grosor, e unha entrada a un recinto intermedio entre as dúas murallas. A segunda sondaxe, sacou á luz as dúas caras dunha entrada monumental de tres metros e medio de ancho e que dá acceso ao recinto principal do xacemento.

Trátase de dúas estruturas excepcionais das que existen poucos exemplos con este nivel de monumentalidade e petrificación en relación á datación feitas o pasado ano. Ademais, combinadas crean un acceso ao nivel de monumentalidade da muralla principal que reforza a inexpugnabilidade deste misterioso xacemento.

Esta segunda campaña, que dá continuidade aos traballos impulsados o pasado ano, tamén incluíu unha terceira sondaxe nunha das terrazas interiores do xacemento na que se localizaron escouras de fundición e un nivel de palla-barro compacto do que se recolleron mostras para poder datalo.

Deste xeito, cómprese o obxectivo dos traballos iniciados a principios deste mes para analizar a funcionalidade dun xacemento situado nun entorno moi complicado, encaixado nunha pendente e que probablemente está vencellado á explotación de mineral, tanto pola riqueza do entorno como polo feito de que o material que ten aparecido son escouras resultantes de traballos de redución do mineral.

O xacemento arqueolóxico de Penas do Castelo sitúase na parroquia de Salcedo, pertencente ao concello lucense da Pobra do Brollón, nun lugar estratéxico entre a Ribeira Sacra e a Serra do Courel pendurado sobre o curso do río Lor e a moi poucos quilómetros da súa desembocadura no río Sil en Augas Mestas.

A nivel de protección, este xacemento atópase no ámbito da paisaxe cultural da Ribeira Sacra e dentro da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. Ademais, aparece recollido no inventario de xacementos arqueolóxicos da Xunta de Galicia e incluído no circuíto de visitas guiadas ofertadas polo Concello da Pobra do Brollón.

0.20543384552002