Os socialistas denuncian que o futuro centro de saúde de Pantón contará só con dúas consultas

RibeiraSacraXa
Esixen á Xunta que modifique o proxecto para garantir a terceira consulta médica comprometida, e solicitan ao alcalde que dea conta pública do que consideran un “novo engano”
roberto-prado-psdeg-psoe-panton
Roberto Prado
3 Jul 2025

O PSdeG-PSOE de Pantón denuncia que “a pesar das reiteradas promesas da Xunta de Galicia e do alcalde, que levan anos asegurando que se cubrirían as tres prazas actualmente asignadas ao municipio”, o futuro centro de saúde de Ferreira contará unicamente con dúas consultas médicas.

Os socialistas lembran que veñen reclamando xa dende o ano 2021 melloras na atención sanitaria e esixindo que se reforce o persoal médico en Pantón. Así, din, levan “máis de catro anos loitando por algo tan básico como garantir unha sanidade pública digna, mentres a Xunta e o PP respondían con promesas baleiras”.

Ademais, denuncian que o alcalde, José Luis Álvarez, vinculou a súa candidatura ás eleccións municipais de 2023 á incorporación dun terceiro médico en Pantón, asegurando publicamente que esa praza fora confirmada tanto pola Xunta como polos responsables da área sanitaria de Lugo. Segundo os socialistas, o alcalde “prometeu un reforzo asistencial que nunca estivo previsto no proxecto real. A veciñanza confiou nun compromiso que agora queda demostrado que era falso”.

O grupo socialista, explican, leva máis dun ano advertindo publicamente que os planos do futuro centro recollen só dúas prazas de medicina familiar e comunitaria, e advertiron en numerosas ocasións de que a realidade do proxecto non se correspondía coas promesas do Partido Popular. “A información estaba aí. É indignante que se fixese campaña cunha mentira que agora queda ao descuberto”.

Porén, a confirmación oficial chegou o pasado 30 de xuño, coa publicación na web do Sergas do plan funcional do futuro centro de saúde, que contempla dúas consultas médicas, dúas de enfermaría, unha sala polivalente, unha de técnicas e unha de mostras. En ningún punto, sinalan, se menciona a terceira consulta prometida reiteradamente pola Xunta e polo alcalde, malia que Pantón conta con 2.099 tarxetas sanitarias asignadas.

“O tempo danos a razón: o Partido Popular vendeu fume en campaña electoral e agora queda claro que a súa promesa non se vai cumprir. A Xunta recoñece por escrito que o novo centro terá só dúas prazas médicas, polo que pedimos explicacións inmediatas”, afirma o grupo municipal socialista.

O PSdeG de Pantón esixe á Xunta de Galicia que rectifique e modifique o proxecto para garantir a terceira consulta médica comprometida, e solicita ao alcalde que dea conta pública do que consideran un “novo engano”. “A sanidade non pode ser unha moeda de cambio nin unha promesa que se leva o vento. A veciñanza de Pantón merece unha atención sanitaria digna, axeitada á súa poboación e necesidades”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.15711402893066