Os socialistas de Pantón denuncian a falta de persoal no Centro de Saúde

O PSdeG-PSOE de Pantón alerta de que o centro de saúde leva funcionando todo o mes de novembro cun só facultativo, en plena época de incremento da demanda asistencial. Unha situación que, advirten, está a xerar unha presión engadida tanto para o persoal como para os pacientes.
A crítica do PSdeG súmase á realizada a comezos de semana polo BNG local, que tamén advertira desta situación, denunciando que o centro levaba desde este luns atendido por un único facultativo e alertando da perda progresiva de consultas no municipio desde 2021.
Ante estas denuncias, o Sergas asegura que a ausencia do segundo médico entre o luns e o xoves se debeu a un permiso solicitado polo profesional, e que a súa praza non se cubriu pola falta de substitutos dispoñibles nas listas.
Porén, esta versión non convence aos socialistas, que sosteñen que o argumento do Sergas “non reflicte a realidade” que vive a poboación do municipio. Nese sentido, lembran que continúa vacante a terceira praza médica anunciada polo actual alcalde e a Consellería de Sanidade, un compromiso que, a día de hoxe, non se materializou. Para a formación, o problema non pode explicarse unicamente con ausencias puntuais, senón que responde a unha falta de planificación que afecta directamente á calidade asistencial no rural.
“A saúde dos nosos veciños e veciñas non pode seguir sendo vítima do abandono institucional. Pantón merece unha atención sanitaria de calidade, con recursos suficientes e profesionais ben respaldados”, aseguran os socialistas, que esixen que se cumpra o compromiso de reforzar o centro de saúde cun terceiro médico e reclaman transparencia por parte do Sergas e da Xunta sobre a situación real do persoal sanitario en Pantón.