Os ríos Lor, Lóuzara e Maior recuperarán a vexetación de ribeira e mellorarán o remonte da fauna piscícola
No marco dunha intervención medioambiental para recuperar o bosque de ribeira en ambas marxes e para mellorar a conectividade fluvial co obxectivo de facilitar o fluxo das poboacións piscícolas, a Xunta de Galicia investirá máis de 110.000 euros en tres tramos do río Lor e dos seus afluentes Lóuzara e Maior.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou os detalles do proxecto no lugar de Conceado, un dos puntos nos que se vai actuar e onde estivo acompañada do alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, da alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, e do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
Así, a responsable autonómica explicou que os traballos se enmarcan no proxecto Mil Ríos, unha iniciativa do seu departamento cun orzamento global de 5 millóns de euros procedentes dos fondos NextGenerationUE e coa que aspira a mellorar 470 quilómetros de 50 cursos fluviais galegos para aumentar así a súa resiliencia e capacidade de resposta ante o cambio climático.
ACTUACIÓN AMBICIOSA
Trátase, tal e como lembrou, dunha das actuacións máis ambiciosas que levará a cabo a Xunta grazas ao financiamento europeo asignado a Galicia para iniciativas de restauración e da conservación dos ecosistemas e da súa biodiversidade.
No caso concreto dos tres ríos lucenses, Ángeles Vázquez explicou que os traballos se centrarán, por unha banda, en recuperar a vexetación de ribeira na zona escollida para a intervención, eliminando especies exóticas invasoras —sobre todo, mimosas— e plantando outras autóctonas. E por outra, en mellorar a conectividade fluvial mediante a supresión de obstáculos e barreiras.
Neste último caso, actuarase augas abaixo do río Lor para facilitar o remonte dos peixes mediante o rebaixe do nivel de coroación das tres presas que hai na zona.
A tal fin, a conselleira indicou que se prevé eliminar ata cinco elementos co obxectivo de que a lámina de auga poida superalos e se mellore deste xeito o paso das troitas.
Cun orzamento de 70.000 euros, esta parte da intervención medioambiental no río Lor centrada nas súas presas financiarase con fondos NextGenerationUE procedentes, neste caso, dos investimentos que realizará a Xunta na Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, como entidade xestora do espazo natural.
MELLORA NA CALIDADE DE VIDA
Pola súa parte, o alcalde de Quiroga tamén salientou a importancia desta actuación para a zona polo impacto beneficioso que terá sobre “a calidade de vida” de veciños e visitantes a recuperación deste tramo do Lor, un río, dixo, “moi querido por todo Lemos, moi querido por todo O Courel e moi querido por todo Quiroga”.
En canto ao ámbito no que se desenvolverán os traballos —cuxo inicio está pendente da autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil—, a zona escollida atravesa os concellos lucenses de Quiroga, Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón, abranguendo 7,05 hectáreas e 4,7 quilómetros de río divididos en tres tramos: río Maior (desde a desembocadura no Lor), río Lor (a partir da igrexa de Santa Mariña de Barxa) e río Lóuzara (desde a ponte da estrada LU-P-1306).
Neste último treito, ademais das intervencións xa mencionadas para recuperar o bosque de ribeira, tamén está previsto acometer a rexeneración de corgas e dunha zona afectada polo lume.
CINCO RÍOS MÁIS NA PROVINCIA
No caso da provincia de Lugo, a Xunta utilizará a fase principal do proxecto Mil Ríos que se está a desenvolver actualmente para avanzar na recuperación, restauración e mellora da resiliencia nas marxes dos tramos seleccionados en 5 canles fluviais —Landro, Ouro, Guisande, Masma e o xa mencionado Lor—. En total, prevese intervir sobre 146 hectáreas de terreo e en 97,5 quilómetros de río que discorren por 13 concellos lucenses.
Ademais destas cinco actuacións, tamén se vai levar a cabo na provincia unha intervención integral sobre o humidal de Cospeito, un dos proxectos máis ambiciosos dos que se executarán no marco do Mil Ríos. Así, a intervención para a restauración ecolóxica da lagoa foi presentada a comezos de abril pola conselleira e conta cun orzamento de 450.000 euros que se destinarán a garantir un bo estado de conservación para a biodiversidade desta zona húmida, unha das máis importantes que hai en Galicia.