Os populares valoran “moi positivamente” as axudas da Xunta para o sector do viño
Distintos representantes do Partido Popular analizaron o paquete de medidas de apoio á D.O. Ribeira Sacra, ante a situación de excedentes de viño tinto que atravesa, nunha reunión de traballo na que participou a responsable autonómica de Medio Rural, María José Gómez, a presidenta do PP da provincia, Elena Candia, o director de la Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, o delegado territorial, Javier Arias e a directora territorial de Medio Rural, Olga Iglesias; xunto a alcaldes e portavoces da zona, o deputado no Congreso Francisco Conde, e as deputadas no Parlamento de Galicia pola zona sur Raquel Arias e Katy Varela.
Os populares valoran “moi positivamente” estas medidas que se centran “no compromiso de coidar a paisaxe singular e característica desta zona, formada en gran parte por socalcos” e que benefician tanto a adegueiros como a viticultores da Ribeira Sacra. Entre as medidas inclúese unha novidosa liña de axudas para a conservación da paisaxe que caracteriza este territorio, que lle dá forma a viticultura heroica.
O Goberno galego destinará 2 millóns de euros de fondos propios para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra. No paquete de medidas anunciadas polo presidente Alfonso Rueda atópase tamén unha maior formación e divulgación das oportunidades que ofrece a PAC para os viticultores en xeral, e en especial para os da Ribeira Sacra; unha nova orde de axudas de apoio para o acceso a préstamos de cara á recollida da uva; e a convocatoria da destilación de crise, para aquelas adegas que queiran acollerse, unha vez recibida a autorización pola Comisión Europea.
"Estas medidas buscan apoiar a esta denominación de orixe ante a situación de excedentes de viño que está a vivir, e que é común a outras rexións vitivinícolas de España e de Europa debido ao descenso xeneralizado de consumo de viño tinto. A maiores, desde o PP de Lugo tamén animamos a analizar, no seo do Consello Regulador, outro tipo de medidas a medio prazo que permitan axustar oferta e demanda e explorar novas tendencias nos mercados, posto que será bo para esta DO, pero tamén para a conservación, crecemento económico e fixación de poboación neste territorio".
Os populares subliñan a importancia do “traballo continuo de escoita aos distintos sectores produtivos da provincia e, neste caso, aos viticultores e adegueiros da Ribeira Sacra”. Así mesmo, destacan “a sensibilidade do Goberno galego coa viticultura heroica, que supón unhas condicións e uns custos de produción especiais”.