Os oitos concellos que forman parte do SAF da Ribeira Sacra conclúen que o servizo "funciona ben"

RibeiraSacraXa
Representantes municipais dos oito concellos que forman parte do Servizo de Atención Temperá con sede na Ribeira Sacra xuntáronse para facer un seguimento do servizo informando da xestión e do estado de contas do Servizo de Atención Temperá.
reunion SAF ribeira sacra
13 Oct 2023

Representantes municipais dos oito concellos que forman parte do Servizo de Atención Temperá con sede na Ribeira Sacra xuntáronse para facer un seguimento do servizo informando da xestión e do estado de contas do Servizo de Atención Temperá.

Así, os representantes de Quiroga, Folgoso do Courel, Ribas de Sil, A Pobra do Brollón, O Saviñao, Sober, Bóveda e Pantón, deron conta da memoria do servizo de 2022 e informaron de como transcorre o mesmo neste 2023 que se achega ao seu remate na Casa da Cultura de Quiroga.

Estes oito concellos comparten unha unidade de atención temperá que, en termos xerais, promove a atención dirixida a nenos e nenas de 0-6 anos con trastornos de desenvolvemento ou risco de padecelos e ás súas familias, sendo este servizo público, gratuíto e de proximidade.

Tras a benvida do alcalde e representante do Servizo de Atención Temperá, José Luis Rivera Castro, interveu Xosé Manuel Fernández Montes, concelleiro de Servizos Sociais e coordinador do devandito servizo compartido, quen guiou a sesión ordinaria da Comisión Mixta e debullou os puntos da orde do día.

Conclusións

As conclusións foron positivas, o servizo é necesario, funciona ben e o equipo multidisciplinar actual conformado por 6 profesionais (2 psicólogos, 2 logopedas, unha fisioterapeuta e unha terapeuta ocupacional) está atendendo unha media duns 80 nenos nenas ao ano no conxunto dos 8 concellos.

Tamén se deu conta do financiamento, referindo Xosé Manuel Fernández que na primeira anualidade subvencionable (1 de novembro de 2022 a 31 de outubro de 2023) o total concedido pola Xunta de Galicia, e cofinanciado con Fondos Europeos (Programa FSE+ Galicia 2021-2027), para a prestación de servizos no marco da Rede Galega de Atención Temperá ascende a 172.980 euros.

Seguindo con este apartado económico, acordouse entre os concellos da agrupación que o Concello de Quiroga, concello designado para a xestión e xustificación da subvención, asumira os arredor de 15.000 euros de gastos que ocasiona o servizo e que non cubre a subvención concedida para esta primeira anualidade subvencionable.

Tamén se acordou que, aproveitando a prórroga que cómpre facer do convenio para que dea cobertura á segunda anualidade subvencionable (1 de novembro 2023 a 31 de outubro de 2024), se aprobe un orzamento do novo exercicio económico do Servizo de Atención Temperá e tamén unha distribución equitativa e con criterios de proporcionalidade entre os concellos que forman parte do servizo dos gastos que non cubra a subvención.

0.15255188941956