Os nenos e nenas de Quiroga recibiron a visita especial de Papá Noel

Os nenos e nenas de Quiroga recibiron este martes a visita especial de Papá Noel, que pasou pola escola infantil A Galiña Azul, onde foi recibido con moita ilusión polos pequenos. Acompañado pola Concelleira de Educación, Infancia e Igualdade, Maite Pérez, repartiu larpeiradas e fixo fotos cos nenos, que gardarán ese recordo con agarimo. A visita rematou cunha foto de grupo xunto ás mestras e coidadoras do centro.
Pola tarde, desprazouse á rúa Campo da Feira, onde os nenos e as súas familias o agardaban emocionados. Papá Noel chegou cargado cun saco cheo de caramelos para repartir. Ademais, os nenos aproveitaron para entregarlle as súas cartas cos desexos para a noite do 24 de decembro. A xornada rematou cun chocolate con churros para todos, ofrecido polo Restaurante Chapakuña3. A actividade contou coa participación do alcalde, José Luis Rivera, así como de Maite Pérez.