Os Entroidos de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso reciben a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional

Os entroidos tradicionais de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso, na provincia de Ourense, foron recoñecidos oficialmente como Festa de Interese Turístico Nacional pola Secretaría de Estado de Turismo.
Os tres concellos presentaron unha solicitude conxunta, dada a estreita relación e características compartidas dos seus Entroidos. A secretaria de Estado de Turismo, Rosario Sánchez, valorou positivamente “a unión destes concellos para conseguir un recoñecemento conxunto para unhas festas propias que se relacionan entre si e que se preservaron en maior medida que noutros lugares”.
Esta distinción conxunta destaca o carácter ancestral dos entroidos do Oriente ourensán e os seus valores culturais, que os converten nunha celebración de gran atractivo turístico.
Estes Entroidos celebranse en localidades limítrofes, onde os veciños, agrupados en folións (procesións), participan nas celebracións dos outros municipios, establecendo unha tradición de visitas e intercambios que se mantén viva hoxe en día.
Un dos elementos máis recoñecibles destas festas son as máscaras e personaxes típicos: a mázcara e o Boteiro en Manzaneda, Vilariño de Conso e Viana do Bolo.
Trátase dunha festividade de orixe pagán e ancestral, vinculada ao cambio de estación, con raíces que poden rastrexarse en culturas romanas, célticas e gregas.
Ademais, a promoción e permanencia destas festas apoianse en eventos como o Festival Internacional Mascarada Ibérica ViBoMask, que se celebra en Viana do Bolo e Vilariño de Conso, reunindo máscaras de Galicia, outras rexións de España e Portugal.
Con esta nova declaración, xa son 162 as festas populares en España recoñecidas como Festas de Interese Turístico Nacional, sendo esta a undécima na comunidade de Galicia.