Os alpinistas de 3Cumios prepáranse para ascender ao Huascarán, o cume máis alto do Perú

Os alpinistas Manuel Vieitez (Sober), Tomás Porto (Pantón) e José Manuel Prieto (Monforte), integrantes do grupo 3Cumios, partirán o vindeiro 15 de xullo cara a Perú para enfrontarse a un dos seus maiores retos: ascender ao Huascarán, a montaña máis alta do país andino, con 6.768 metros de altitude, e a cuarta máis alta do mundo fóra da cordilleira do Himalaia.
O equipo, orixinario da Ribeira Sacra, combina neste proxecto a súa paixón pola montaña cun compromiso social. Parte do orzamento recadado destinarase á compra de material deportivo para escolas de comunidades locais desfavorecidas, co obxectivo de facilitar o acceso ao deporte como ferramenta de desenvolvemento.
Como parte da súa preparación, os montañeiros realizarán previamente a ascensión ao Nevado Pisco (5.752 metros) para aclimatarse á altitude. O grupo recoñece a dificultade do reto: só entre o 40 % e o 60 % das expedicións conseguen chegar ao cume do Huascarán. Aínda así, aseguran que se atopan preparados física e mentalmente e comprométense a “intentalo con todo o noso esforzo”.
A expedición conta co apoio de diferentes patrocinadores, entre eles a Xunta de Galicia, que achega a maior axuda institucional e é o segundo patrocinador máis importante do proxecto.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, sinalou hoxe durante a presentación que se trata dun proxecto “ambicioso, inspirador e tamén solidario”, dado que parte do orzamento recadado irá destinado á compra de material deportivo para as escolas das comunidades locais máis desfavorecidas, co fin de facilitar o acceso ao deporte como unha ferramenta de crecemento e superación.