Organízanse as II Xornadas de Recuperación da Memoria da La na antiga escola de Miraz

RibeiraSacraXa
A proposta, promovida pola Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel, xuntará persoas afeccionadas á composición de tecidos en Folgoso do Courel
xornadas-de-la-Asociación-Desenvolvemento-Courel
3 Out 2024

A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel organiza as II Xornadas de Recuperación da Memoria da La ‘Dándolle unha volta á la: da ovella a onde ti queiras’ grazas á coordinación de Outonía e ao apoio económico da Deputación de Lugo.

Desta maneira, o 19 de outubro, a antiga escola de Miraz de Folgoso do Courel volverá acoller unhas xornadas nas que mostrarán tecidos e utensilios vinculados ao procesado e transformación da la.

Así, ás 10.30 horas terá lugar a presentación das xornadas por parte da asociación e, a continuación, desenvolverase un faladoiro coas tecelás do Courel na que as persoas participantes manterán unha conversa coas mulleres que gardan na memoria recordos e os usos da la no territorio, as formas de aproveitamento e as prácticas de vida sustentable na montaña.

Ademais, recrearase un fiadeiro tradicional coas veciñas da contorna e realizarase unha mostra deste fiadeiro en formato participado para fiar e tecer conxuntamente, aprendendo as técnicas de fiado como as espitas (calcetado tradicional do courel con catro agullas).

Ao remato, de 13.30 a 16.00 horas, terá lugar a pausa para o xantar e ás 16.00 horas comezará o laboratorio téxtil a través da exploración coa la e outros tecidos.

Así, impartirase un obradoiro de procesado de la impartido por Verónica Page de Miratú a través do cal se procesará la virxe de ovella e de alpaca na roca, recuperando os ritmos tranquilos e de transformar coas mans las de texturas e cores variadas.

Outro obradoiro será o de tear con teares de alto lizo impartido por María José Lois de Cuaderna Maestra, no que se realizará un pequeno tapiz empregando técnicas tradicionais e materiais naturais.

Finalmente, tamén se ensinará a confeccionar cartografía téxtil, creando una trama social a través da arte téxtil e a experimentación con téxtiles diversos.

0.20179295539856