Oda a Rosalía

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Achégate á música clásica da man de Rebeca Maseda, que narra dende preto, historia, cultura e paixón por esta arte.
Rebeca maseda
11 Mar 2022

Por Rebeca Maseda

Co seu xordo e constante mormorío
atraim’ o oleaxen dese mar bravío,
cal atrai das serenas o cantar.
–Neste meu leito misterioso e frío,
dime, ven brandamente a descansar.
El namorado está de min..., o deño,
i eu namorada del.
Pois saldremos co empeño,
que s’ el me chama sin parar, eu teño
unhas ansias mortais d’ apousar nel.

A primeira vez que lin este poema provocou en min emocións que non sei explicar.  Souben desta xoia grazas a César Morán -bo amigo e artista integral-, quen coa súa mestría e  sensibilidade uniu versos e música nunha sinerxía tan perfecta que o propio poema adquiriu  outra dimensión. Basta con lelo unha soa vez para percibir a súa forza dramática e expresiva.  O certo é que irradia beleza a esgalla ata nos sentimentos máis sombríos. Como metamorfosear  ideas de morte e suicidio con semellante fermosura...!?

Esta marabilla foi escrita por Rosalía de Castro e forma parte do seu libro “Follas  Novas”, publicado en 1880. Esta obra mantén certa dimensión popular como acontece en  “Cantares gallegos” e avanza en varios aspectos da épica galega da emigración, agora centrada  totalmente nas mulleres (viúvas de vivos e mortos), pero especialmente tamén no mundo  interior e subxectivo, onde reinan motivos coma o da negra sombra. A metapoesía e as  posicións sociais avanzadas complementan unha obra de total radicalismo.

Para Galicia, Rosalía é algo máis ca unha escritora. Xeración tras xeración, a súa figura  é un referente que está por riba de ideas e xeografías. Ningunha outra figura literaria, cultural  ou política nos une tanto arredor do sentimento de pertenza á nosa terra. Ela xerou innumerables  páxinas, imaxes, cancións… Sen dúbida, unha das máis representativas visións da nosa autora

foi a dada por Curros neste célebre poema: “Do mar pola orela / mireina pasar / na frente unha  estrela / no bico un cantar”.

O debuxo dos seus perfís foi variando ao longo da historia, como variaron e  evolucionaron as revisións estéticas, literarias e sociais do proxecto que ela mesma encabezou.  A canonización inicial elevouna como santa e nai, nai sufridora das penas propias e das alleas,  “mater” protectora, santiña dos altares do pobo. Posteriormente, arredor da poeta intimista, da  poeta da sombra, da soidade, da dor e da angustia, escúlpese unha nova Rosalía, desvinculada  do folclore e do mundo popular. É a Rosalía profunda, metafísica, filosófica, existencial: a  Rosalía da saudade. Máis tarde -arredor do Congreso Internacional de 1985- xestáronse novas  perspectivas sobre a súa obra: a Rosalía patriótica e social, a dos oprimidos, a feminista… Hoxe  as novas achegas desde a análise da paisaxe, as estratexias discursivas, a utilización dos  cantares populares, os espazos simbólicos de transgresión e resistencia, o suxeito literario e  político, a narrativa, etc. fannos ver que Rosalía de Castro resulta inesgotábel. Rosalía sempre  falará, como os grandes escritores.

Para rematar a miña pequena oda a Rosalía e tendo en conta que se aproxima o 8M,  quixera compartir algunhas perlas de sabedoría que nos regalou esta extraordinaria muller:

“Solo cantos de independencia y libertad han balbucido mis labios, aunque alrededor  hubiese sentido, desde la cuna ya, el ruido de las cadenas que debían aprisionarme para  siempre...” (Lieders, 1858).

“Decid que queréis vernos esclavas y no compañeras vuestras; decid que de un ser que  siente y piensa como vosotros queréis hacer unos juguetes vanos, unas máquinas que, a medida  de vuestro deseo, estén alegres...” (Flavio, 1861).

“Yo, sin embargo, soy libre, libre como los pájaros, como las brisas; como los árabes  en el desierto y el pirata en la mar...” (Lieders, 1858).

“Arriba / todas, rapaciñas do lugar!, / que o sol / i a aurora xa vos vén a dispertar...”  (Cantares gallegos, 1863).

Que en tempos de guerra, Rosalía sempre nos acompañe.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1834659576416