O turismo en Monforte volveu medrar en 2024

RibeiraSacraXa
A Oficina municipal de Turismo, alcanzou en 2024 as 19.458 persoas atendidas, mentres que A Oficina de Atención ó Peregrino de Monforte tamén alcanza datos históricos con 3.676 persoas
oficina-atencion-peregrino-monforte
Oficina de atención ao peregrino de Monforte
19 Jan 2025

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, presentou un balance positivo sobre o turismo no municipio, destacando que as dependencias turísticas municipais, como a Oficina de Turismo e a Oficina de Atención ao Peregrino, lograron cifras récord en 2024. Segundo Tomé, “os resultados turísticos de 2024 son excelentes e confirman a recuperación e a solidez do sector”, consolidando a Monforte como un destino clave na Ribeira Sacra e na provincia de Lugo.

Cifras destacadas da Oficina de Turismo

A Oficina de Turismo atendeu presencialmente a 19.458 persoas en 2024, o que supón un aumento do 5,77 % respecto de 2023 e do 13,68 % fronte a 2022. Comparando con anos anteriores á pandemia, o incremento é aínda máis significativo: un 31 % máis que en 2018. Os meses estivais, especialmente xullo e agosto, destacaron como os de maior afluencia, sendo agosto o máis concurrido con 5.408 visitantes. O alcalde atribuíu este éxito a eventos clave como o Festival do Viño, o Verán Cultural e as Festas Patronais, que contribúen a atraer un turismo de calidade.

En canto ás consultas atendidas por teléfono e correo electrónico, tamén houbo un notable crecemento. En 2024, xestionáronse 1.872 chamadas e 460 correos, superando amplamente as cifras de 2023 (1.464 chamadas e 306 correos). As consultas máis frecuentes estiveron relacionadas coa Ribeira Sacra, incluíndo información sobre os canóns dos ríos Sil e Miño, miradoiros, rutas fluviais e sendeirismo.

Éxito na Oficina de Atención ao Peregrino

Inaugurada en 2021, a Oficina de Atención ao Peregrino atendeu a 3.676 persoas en 2024, un 73 % máis que en 2023. Segundo Tomé, o Camiño de Inverno estase a consolidar como unha opción popular para os peregrinos que se dirixen a Santiago. Este incremento atraeu tanto turistas nacionais, especialmente de Madrid, Cataluña e Andalucía, como internacionais, principalmente de Italia, Reino Unido e Francia.

As consultas máis habituais incluíron información sobre o Camiño de Inverno, recursos turísticos locais e aloxamentos. O alcalde destacou a importancia desta oficina para xestionar a crecente afluencia e subliñou que cada vez máis persoas optan por esta ruta, consolidando a Monforte como un referente no ámbito da peregrinación.

Recoñecementos e proxección futura

En 2024, Monforte de Lemos acadou cinco Q’s de Calidade Turística, outorgadas polo Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE), en recoñecemento á excelencia de servizos como a Torre da Homenaxe, o Miradoiro do Duque e o Centro de Interpretación do Viño. Segundo Tomé, estas certificacións son o resultado do “intenso e ben feito traballo de promoción turística realizado polo Equipo de Goberno durante anos”.

De cara a 2025, o alcalde expresou a súa confianza en que esta tendencia á alza continuará, impulsada por eventos destacados como o Entroido, a Feira Medieval ou as Festas Patronais. Segundo afirmou, “o turismo é un motor económico fundamental para Monforte, e seguiremos apostando por el con firmeza”.

0.16445279121399