O SLG denuncia a exclusión masiva das granxas ecolóxicas das axudas da Xunta
O SLG denunciará no Comité de Seguimento do PDR e no Consello Agrario Galego a exclusión masiva nas axudas de ecolóxico. Segundo indican "o mesmo día no que se fai alarde do suposto apoio da Xunta de Galicia ao sector ecolóxico durante o anuncio do plan estratéxico para o sector cárnico, resólvense as axudas para as ganderías de ecolóxico galegas". Afirman que das 150 granxas que solicitaron a súa conversión só lle foi concedida a axuda pública a 26, denegándolla a 124.
Ademais, solicitaron a axuda de mantemento 281 granxas pero só foron concedidas 172, así que 109 granxas quedan fóra. "Por non falar da agricultura ecolóxica nun país non que tan necesitadas estamos de producións vexetais de todo tipo: só 5 das das 35 granxas que solicitaron a axuda de conversión accederon á mesma, a 30 foilles denegada", din.
Tamén quedaron sen axuda a maioría das que solicitaron a de mantemento de agricultura ecolóxica: solictárona 93 e so lla concederon a 36, ficando excluídas 57.
A Superficie Agraria Útil galega inscrita actualmente no Craega é só do 5,15%, moi lonxe do obxectivo do 25% estipulado pola UE para o 2030. O sector produtor galego si que está comprometido con este modelo, este ano acadouse a incorporación de 150 novas granxas ao modelo ecolóxico. Sen embargo, a piques de rematar o ano, e despois de promocionar dende a propia CMR a existencia de axudas para facilitar esta transición de convencional a ecolóxico, a Administración trasladoulle ao sector, 6 meses despois da solicitude da PAC, que faltan máis de 2 millóns de euros para estas axudas", engaden.
"Como xa vimos advertindo dende fai semanas, esta intolerábel carencia de previsión e de respecto por parte da Consellería de Medio Rural cara o sector de ecolóxico porá en entredito a viabilidade económica de multitude destas granxas e pequenos proxectos agro ecolóxicos. Esta Consellaría é unha auténtica vergoña para o país esta", afirman.
Ademais de insistir en que sexa atendida canto antes a xuntanza solicitada co Conselleiro o pasado mes de decembro, así como avanzar na campaña de mobilizacións que activamos no sector, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas denunciará novamente esta situación no Comité de Seguimento do Plan de Desenvolvemento Rural e no Consello Agrario Galego.
"Esiximos unha vez máis a subsanación inmediata da neglixente xestión a destes orzamentos públicos realizada pola Consellaría do Medio Rural en detrimento das pequenas e medianas explotacións ecolóxicas, garantindo fondos para tódalas granxas solicitantes", conclúen.