O Servizo de Atención Temperá de Quiroga atendeu a máis de cen persoas durante 2024 sen listas de espera
Os representantes dos concellos que forman parte do Servizo agrupado de Atención Temperá de Quiroga, reuníronse este martes no salón de plenos da Casa do Concello de Quiroga, un encontro no que estiveron presentes adeais do alcalde de Quiroga e concelleiro de Servizos Sociais de Quiroga, os alcaldes de Pantón, Sober, O Saviñao, Ribas de Sil e o Tenente de Alcalde da Pobra do Brollón.
A reunión respondía ao estipulado no convenio que renova o compromiso de xestión compartida do servizo dende agosto de 2024 a outubro de 2026, establecendo que unha ‘Comisión Mixta’ conformada por representantes da agrupación dos concellos de Quiroga, Folgoso do Courel, Ribas de Sil, A Pobra do Brollón, O Saviñao, Sober, Bóveda e Pantón, reunirase con carácter periódico para facer seguimento e dar conta da xestión do Servizo de Atención Temperá.
O devandito servizo, creado en setembro do 2020 para dar cobertura aos concellos de Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil, medrou co paso dos anos ata incluír cinco concellos máis: A Pobra do Brollón, Bóveda, Pantón, Sober e O Saviñao. En termos xerais, promove a atención dirixida a nenos e nenas de 0-6 anos con trastornos de desenvolvemento ou risco de padecelos e ás súas familias, tendo ademais un carácter público, gratuíto e de proximidade.
Tras a benvida do Alcalde, José Luis Rivera Castro, interveu Xosé Manuel Fernández Montes, Concelleiro de Servizos Sociais e Director do devandito servizo compartido, quen presentou ao novo coordinador técnico, Antonio Javier Dorta, e guiou a sesión ordinaria da Comisión Mixta seguindo os puntos da orde do día. Tras unha breve exposición da evolución do servizo por parte do coordinador, na que se concluíu que o servizo é necesario, funciona ben e aumentou no 2024 ata os 111 nenos/as atendidos, Xosé Manuel Fernández deu conta doutros temas.
Un deles foi explicar que o equipo de profesionais do servizo, conformado na anterior anualidade por 6 profesionais, pasará nesta nova xeira (de novembro de 2024 a outubro de 2026) a estar composto por 5 profesionais (2 psicólogos, 2 logopedas e unha terapeuta ocupacional). “Esta nova distribución de profesionais non suporá merma da atención a usuarias e usuarios pois auméntanse as horas para as especialidades de máis demanda o que permitirá manter os niveis de atención actuais, sen listaxe de espera”, comentaba Xosé Manuel Fernández.
Tamén se deu conta do financiamento, referindo Xosé Manuel Fernández que “tras unha primeira liquidación orzamentaria da anualidade 2023-2024 é posible que non haxa déficit do servizo”. Así mesmo, explicou outra boa nova, a concesión dunha subvención da Xunta de Galicia, e cofinanciada con Fondos Europeos (Programa FSE+ Galicia 2021-2027), por importe de 366.888,00 euros que dará cobertura económica ao novo periodo do SAT de Quiroga comprendido do 1 de novembro de 2024 ao 31 de outubro de 2026.