O Sergas licitará nos vindeiros meses o Plan Director do Hospital de Monforte de Lemos

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou o esforzo da Xunta pola modernización permanente do Hospital de Monforte de Lemos e avanzou a licitación, nos vindeiros meses, do Plan Director deste centro sanitario da rede do Servizo Galego de Saúde.
O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, acompañado do xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, supervisou as obras do novo Laboratorio de Microbioloxía e da área de Cardioloxía levadas a cabo no Hospital Público de Monforte de Lemos.
Tal e como detallou o conselleiro, nesta reforma a Xunta investiu un millón de euros entre obra e equipamento, abranguendo unha superficie de 600 m2 para dotar ao hospital de espazos máis amplos, máis modernos, con equipamento renovado e optimizados no seu funcionamento xeral.
O novo laboratorio de Microbioloxía está conectado co de análises clínicas e de bioquímica, de xeito que poidan compartir sala de traballo. Conta, ademais, cun espazo diáfano, conectado con tres salas illadas con control de presión e inclúe dous espazos de microscopio, almacéns, cámara frigorífica e despacho para o responsable da unidade.
Polo que atinxe á nova área de Cardioloxía, dispón de dúas consultas con iluminación e ventilación natural, unha sala de marcapasos, outra de probas de esforzo, así como outra pra a realización de ecografías.
Estas novas melloras engádense ás xa realizadas nos outros laboratorios e no servizo de Farmacia, nas que, nos últimos anos, a Xunta investiu dous millóns de euros.
Así mesmo, o conselleiro remarcou que, neste mes de marzo, comezaron as obras para a dotación dunha nova área de Pneumoloxía e de Dixestivo, cun investimento dun millón de euros.
Este conxunto de intervencións supoñen un investimento da Xunta nos dous últimos anos de 6 millóns de euros, o que reflicte o compromiso do Goberno galego coa calidade da asistencia que se realiza nos hospitais comarcais en xeral, e no de Monforte de Lemos en particular.
Impulso ao Plan Director e renovación do mamógrafo
O conselleiro referiuse á remodelación integral que quere levar a cabo a Xunta neste centro hospitalario, que ten como prioridade a reforma da área de hospitalización e de consultas externas, actuando en máis de 11.000 m2, cun investimento próximo aos 30 millóns de euros.
Gómez Caamaño dixo que os técnicos do seu departamento están a traballar de xeito coordinado coa área sanitaria para concretar os obxectivos desta reforma e o seu desenvolvemento progresivo por fases. Así, o obxectivo que avanzou o conselleiro é poder licitar a redacción do proxecto básico de todo o Plan Director e o proxecto de execución da Fase I este ano.
Avanzou, ademais, que a vindeira semana estará funcionando xa o novo mamógrafo que se está a instalar no hospital e lamentou as molestias ocasionadas ás pacientes pola incidencia ocasionada polo derrame deste equipamento.