O Saviñao celebrou este domingo a súa tradicional Festa da Vendima

RibeiraSacraXa
Catas de viños, degustacións de produtos locais, obradoiros artesanais, actuacións musicais tradicionais e contemporáneas ou a tradicional pisa oficial das uvas protagonizaron a xornada na Devesa de Escairón
festa-vendimia-o-saviñao-2025
8 Sep 2025

O Saviñao viviu este domingo unha nova edición da súa tradicional Festa da Vendima, unha cita que se consolidou como escaparate da cultura, a tradición e os viños da Ribeira Sacra. O evento desenvolveuse na Devesa de Escairón, onde se instalaron sete adegas participantes, ademais de postos de artesanía e gastronomía que ofreceron aos asistentes unha ampla variedade de produtos locais.

O programa da xornada combinou experiencias enogastronómicas e culturais, con catas de viños, degustacións de produtos agroalimentarios con selo de calidade, obradoiros artesanais, actuacións musicais tradicionais e contemporáneas, así como a bendición das uvas e dos campos e a tradicional pisa oficial das uvas. Entre as propostas máis singulares estiveron os talleres organizados pola Fundación Artesanía de Galicia, que incluíron iniciación ao torno cerámico, estampaxe xaponesa gyotaku e cianotipias.

O pregón correu a cargo de Martín Alemparte Vidal, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), e a xornada contou tamén coa actuación do violinista Marcos Valcárcel.

No apartado institucional, á festa asistiron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a directora territorial de Medio Rural, Mª Olga Iglesias, a xefa da área provincial de Turismo de Lugo, Paloma Vázquez e o deputado de Participación Cidadá da Deputación de Lugo, Iván Castro Díaz. Ademais, tamén estivo presente o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que foi nomeado Cabaleiro da Orde do Mencía, “nun ano especialmente importante para a Ribeira Sacra, no que estivemos traballando a prol da mellor candidatura para acadar o seu recoñecemento como Patrimonio Mundial”. Neste senso, destacou este acontecemento “pola súa posta en valor da tradición, a cultura e a gastronomía da zona”, enxalzando un programa festivo que é “toda unha exaltación da vendima, da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra, da artesanía e do folclore local”. En definitiva, puntualizou, “unha forma de celebrar a historia e a identidade dun pobo a través dos seus espazos naturais e produtivos, e do bo facer da súa xente”.

⚙ Configurar cookies
0.15954685211182