O Quiroga Trail Challenge pecha inscricións con récord de participación

O Quiroga Trail Challenge prepárase para celebrar unha nova edición que supera todas as previsións da organización, cun total de 1.300 participantes. A cifra consolida esta cita como unha das grandes festas do trail galego, que este ano terá lugar o 28 de febreiro co Trail do Lor e o 1 de marzo co Trail do Castelo.
Os organizadores expresan a súa satisfacción e aseguran que agardaban superar os 1.200 inscritos de anos anteriores. “Pechamos o ano con 900 participantes, uns 50 máis que na última edición, algo que xa nos sorprendeu ao tratarse dunha cifra moi boa tendo en conta a cantidade de carreiras que hai actualmente. É a mellor sinal de que os corredores seguen confiando no Quiroga Trail Challenge e isto ilusiona e anímanos a seguir adiante ultimando detalles”, explican.
Ademais, salientan que as inscricións se pecharon unhas horas antes da data límite e que este ano se rexistrou un notable incremento de participantes procedentes de case todas as comunidades autónomas, agás Murcia. Destacan especialmente a presenza de corredores de Madrid, Castela e León, Canarias, Baleares, País Vasco e Asturias, que representan o 25 % do total. A participación internacional estará representada por atletas de Portugal, Alemaña e Estados Unidos.
Outros datos relevantes son o aumento da participación feminina, que acada por primeira vez o 30 % do total, e o crecemento das distancias curtas. A “carreiriña”, estreada na pasada edición, incrementa a presenza de mozos e mozas de entre 12 e 16 anos. Tamén medra o minitrail, con arredor de 400 inscritos, mentres que as dúas distancias ultra do sábado suman novamente uns 90 participantes.
“Son cifras moi satisfactorias”, sinalan Blas Rodríguez e Manuel Barreiro, directores da organización, quen lembran que o obxectivo do evento non é só dar a coñecer os tesouros naturais do Xeoparque Montañas do Courel, senón tamén as súas xentes, a súa cultura e a súa gastronomía. “Nesta edición cobra protagonismo unha parte do Xeoparque moi descoñecida: a Montaña do Lor, que non deixará a ninguén indiferente pola súa beleza e dureza. Que a carreira manteña, ano tras ano, os centos de corredores galegos que non dubidan en volver e que xa sexa recoñecida tamén a nivel nacional énchenos de orgullo e satisfacción”.