O PSOE reclama na súa visita a Ribas de Sil un pacto para a prevención de lumes

RibeiraSacraXa
Gonzalo Caballero reclamou hoxe “un gran pacto” en defensa do rural para a prevención dos lumes forestais e o coidado da Galicia interior.
incedio forestal
8 sep 2021

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe “un gran pacto” en defensa do rural para a prevención dos lumes forestais e o coidado da Galicia interior. Fíxoo tras realizar unha visita ás zonas máis afectadas polo gran incendio que arrasou máis de 1.500 hectáreas no municipio de Ribas de Sil, onde estivo acompañado polo alcalde do concello, Miguel Sotuela.

Dende alí, Gonzalo Caballero incidiu en que nestas circunstancias “faise evidente que en Galicia, ademais de reforzar todos os sistemas contra incendios, é necesario facer unha nova política forestal, de prevención do lume e de aposta polo coidado do rural, que é o que non fai o PP”.

De feito, o líder socialista indicou que “non pode ser que cando en Galicia arden 1.500 hectáreas, o único que di Feijóo é que a culpa é dos pirómanos. Isto demostra que non hai política forestal e de prevención e que, en definitiva, o goberno galego non dá respostas e non se quere comprometer con este problema".

Neste contexto, o secretario xeral do PSdeG indicou que tampouco abonda con que o presidente da Xunta recoñeza que hai facer una nova lexislación de prevención contra o lume. “Máis alá disto”, afirma Gonzalo Caballero, “cómpre desenvolver políticas de investimento e de aposta polo rural, porque se o rural está coidado é moito máis sinxelo evitar incendios descontrolados”.

Por iso, o líder socialista avogou por “fortalecer todos os sistemas e todas políticas contra incendios para evitar que cada verán teñamos este tipo de incendios que se saen de control e nos que, unha vez máis, a principal política contra o lume foi unicamente a choiva”.

Fronte “ás eivas que ten a Xunta en política forestal e de prevención do lume”, Gonzalo Caballero incidiu en que “é o momento de que se leven a cabo os grandes acordos nos que intentamos avanzar hai catro anos despois dos incendios terribles de 2017”. “Non pode ser”, sinalou, “que cada ano que pasa sigamos dicindo que hai que mellorar as cousas pero que todo siga igual”. E tampouco pode ser, advertiu, “que a Xunta bote as responsabilidades nos concellos e nas alcaldías da Galicia rural”.

Gran acordo polo rural e contra o lume

Gonzalo Caballero explicou que ese gran acordo polo rural ten que “implicar unha política forestal que teña os montes coidados, coas especies axeitadas e marcados os cortalumes necesarios”, e unha aposta por “aquelas especies que arden con maior dificultade e permiten frear o avance descontrolado do lume”.

Tamén reclamou “unha nova política laboral que evite a temporalidade dos brigadistas”, requirindo así “un persoal con contratos estables ao longo de todo o ano para coidar o monte e loitar de maneira preventiva contra os incendios”.

Neste punto, aproveitou para poñer en valor “o traballo feito polos brigadistas, polos militares e por todos os que estiveron na primeira liña de loita contra o lume”.

Gonzalo Caballero engadiu ademais que “non hai mellor forma de evitar os incendios que cun novo modelo forestal e cunha aposta polo medio rural que traia máis xente interesada en coidar os montes”.

Con estas premisas, salientou que “dende o PSdeG imos seguir tendendo a man no Parlamento, porque sabemos que contra o lume todos, a Xunta, os concellos e os representantes de todos os partidos, temos que estar ao mesmo”.

Miguel Sotuela

Pola súa banda, o alcalde de Ribas de Sil, Miguel Sotuela, indicou que “a situación agora mesmo no concello está máis ou menos controlada” despois de varios días moi complicados no que o lume chegou estar moi próximo a algunhas vivendas.

O rexedor lamentou a lentitude en arranxar os sistemas de comunicación, xa que a comarca leva case dous días sen teléfono, “un problema que tiña que estar xa resolto” por parte das empresas. Tamén incidiu en que o lume afectou a moitas traídas de auga da zona e explicou que houbo que cortar algunhas delas para evitar problemas de contaminación da auga que se destina a consumo humano.

0.14421105384827