O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia a “precariedade” dos servizos de saúde no oriente da provincia

RibeiraSacraXa
Os socialistas súmanse á protesta convocada en O Barco este sábado para pedir solucións á situación sanitaria nas comarcas de Valdeorras, O Bolo e Trives
manifestacion-sanidade-valdeorras
21 Nov 2025

O PSdeG-PSOE de Ourense manifesta o seu apoio ás demandas da plataforma sanitaria que agrupa a Valdeorras, O Bolo e Trives, que convocou para este sábado 22 de novembro unha manifestación con saída ás 18:00 horas dende as portas do hospital comarcal de Valdeorras. Os socialistas denuncian a “precariedade” dos servizos de saúde no oriente ourensán e defenden que a poboación de Valdeorras e comarcas como Viana ou Trives “non son cidadáns de segunda e merecen unha atención sanitaria digna e igual que o resto de Galicia”.

Desde o PSOE ourensán explican que se trata de zonas cunha poboación moi envellecida e núcleos moi dispersos, “o que dificulta a mobilidade para acceder á atención médica”. Nos últimos meses, centros de saúde como os de O Bolo, A Veiga ou Rubiá perderon aos seus médicos titulares e noutras localidades as ausencias non se están a cubrir, provocando peches de consultas durante días e obrigando á poboación a recorrer decenas de quilómetros para ser atendida noutros municipios.

Os socialistas alertan que “as listas de espera son cada vez máis longas, o que provoca atrasos nos diagnósticos e un impacto moi negativo nos pacientes, a maioría deles persoas maiores e con enfermidades crónicas”. Apuntan ademais que “estamos ante un grave problema de falta de persoal que o goberno autonómico de Alfonso Rueda se nega a corrixir” e engaden que “entre a non cobertura destas prazas, os recortes atroces e o desmantelamento de servizos, o PP está a dar un golpe mortal á sanidade no oriente ourensán”.

O PSdeG-PSOE tamén denuncia a situación do hospital comarcal de Valdeorras, que “tiña que ser o epicentro da atención sanitaria, pero a base de recortes e precarización, o PP pretende convertelo nun simple PAC, ou mesmo nun centro de saúde”. Os socialistas califican a situación como “límite e de extrema gravidade debido á falta de especialistas e facultativos, tras anos de desmantelamento e falta de planificación por parte dos gobernos autonómicos do PP”.

Nos últimos anos, o hospital perdeu servizos fundamentais como uloxía e viu recortados outros como rehabilitación, oftalmoloxía, radioloxía ou traumatoloxía. Ademais, denuncian a “negativa” do PP a dotar ao hospital dun servizo de pneumoloxía, reclamado durante anos para atender patoloxías relacionadas coa silicose. De xeito similar, non hai novidades sobre a creación do servizo de xeratría, a pesar de que a comarca conta cunha das poboacións máis envellecidas de Galicia.

Os socialistas tamén lembran a recente inoperatividade durante varios días da incubadora de traslado neonatal debido a unha avaría, unha situación que cualifican de “extrema gravidade” porque este equipamento é “fundamental para garantir a seguridade dos recentemente nados que precisan ser derivados ao Complexo Hospitalario de Ourense ou outro centro de referencia”. Por iso, esixen “solucións inmediatas para o servizo de xinecoloxía e obstetricia” e que se poña fin ao desmantelamento do paritorio, co que o PP pretende derivar os partos a Ourense.

“A situación da sanidade no oriente ourensán é o exemplo claro da falta de planificación e do abandono da Xunta de Galicia e do Partido Popular en materia sanitaria, tras máis de dez anos de desmantelamento continuado de servizos”, denuncian desde o PSdeG-PSOE.

Finalmente, os socialistas animan á poboación de Valdeorras, Trives e Viana a sumarse á manifestación para esixir unha sanidade digna e anuncian que “seguiremos loitando para acabar co abandono que sofre o oriente ourensán por parte do Partido Popular”. A representación do PSdeG-PSOE na protesta estará composta por alcaldes, voceiros, concelleiros, deputados e militantes de todas as comarcas afectadas e do resto da provincia.

⚙ Configurar cookies
0.072489976882935