O PSdeG de Ourense destaca o labor da DO Ribeira Sacra para dinamizar o territorio

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Os socialistas de Ourense mantiveron un encontro co Consello Regulador da D.O Ribeira Sacra para escoitar as inquedanzas e buscar proxectos estratéxicos para impulsar o futuro do sector
encontro-psoe-ourense-do-ribeira-sacra
Encontro entre o PSdeG de Ourense e o Consello Regulador da DO Ribeira Sacra
15 Jul 2025

O PSdeG-PSOE de Ourense prosegue coa súa rolda de contactos co sector vitivinícola da provincia e nesta ocasión desprazáronse ata Monforte para manter un encontro co Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. A delegación socialista considera que o sector do viño “é clave para o desenvolvemento económico da provincia” e está mantendo estes encontros co obxectivo de escoitar as necesidades dos consellos reguladores e achegar propostas e proxectos axeitados para impulsar cada unha delas.

O senador do PSdeG-PSOE de Ourense e voceiro socialista na comisión de Agricultura, Gandería e Alimentación no Senado, Rafael Rodríguez Villarino, e o secretario de medio rural da Executiva Provincial, Francisco López González, reuníronse co presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, Antonio Lombardía Crespo, que tamén preside a asociación de Consellos Reguladores do Viño de Galicia e das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA). A xuntanza tivo lugar na sede do CRDORS sita en Monforte de Lemos (Lugo), e nela analizouse a situación desta DO no contexto da crise arancelaria desatada por Donald Trump

Neste encontro de traballo destacouse a situación privilexiada, tanto patrimonial como paisaxística da DO Ribeira Sacra entre Lugo e Ourense, que a “fai única no territorio hispano”. Neste senso, púxose en valor a ruta do viño, que “enxalza un territorio e uns viños de calidade, que gañan protagonismo de xeito continuado”.

Durante a reunión tamén se analizaron os principais problemas aos que se enfronta actualmente a DO Ribeira Sacra. “O avellentamento de poboación e o minifundismo están sendo os principais retos aos que se enfronta esta DO”, destaca o senador, Rafael Rodríguez Villarino, que tamén apunta que “reduciuse a cifra de viticultores, moitos deles de avanzada idade, e das adegas certificadas, que se cifran en 82 na actualidade”. A caída de vendas de viño tinto tamén afecta a este territorio, pois predominan os caldos tintos, por riba dos blancos, a diferencia do que acontece no resto de denominacións de orixe galegas.

A representación socialista subliña que durante o encontro fíxose fincapé na tecnoloxía, e de xeito singular nos drons, xa que tal e como explican “percíbense como ferramentas de futuro para este territorio, ao que dificilmente se axustan outras solucións tecnolóxicas pola pendente das viñas e o elevado minifundismo das mesmas, con arredor de 11.000 parcelas”. O emprego desta tecnoloxía na aplicación de produtos fitosanitarios, o transporte da uva, e mesmo a detección de pragas, “posibilitará unha abordaxe eficaz da viticultura heroica da Ribeira Sacra”. Outro dos puntos tratados foi a inminente instalación de 40 estacións meteorolóxicas, algo que se considera unha fiestra de oportunidade para optimizar a xestión dos viñedos da zona.

A presidencia da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e a representación socialistas emprazáronse para novos encontros, na liña do acontecino nas reunións recentes coas DO do Ribeiro e de Monterrei. Coa próxima visita á DO de Valdeorras concluirase un primeiro contacto coas catro DO localizadas na provincia.

⚙ Configurar cookies
0.15538311004639