O próximo sábado participa na Ruta dos Alvares, unha unión de sendeirismo e mel
O Concello de Folgoso do Courel vén de colaborar con Apiturismo Galicia na organización dun percorrido pola Ruta dos Alvares o vindeiro sábado 1 de outubro.
En horario de 10.00 a 14.00 horas os participantes poderán desfrutar dunha ruta de sendeirismo acompañada por unha cata de meles e o concerto da Abella Loira e o Doutor Propóleo.
A ruta percorrerá dende a parroquia de San Silvestre de Seceda ata a zona do Courel. Todos aqueles que queiran ampliar calquera tipo de información ou realizar a súa inscrición no reteiro, poderán facelo na páxina rutas@apiturismogalicia.gal ou cunha chamada ao teléfono 640 230 155, en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas.
O principio da ruta está no aparcadoiro de Seceda e logo hai que dirixirse pola estrada cara o sur a través do souto que rodea á aldea. Ao pouco, hai que desviarse á esquerda por un camiño que nos levará cara a Ferrería de Lousadela, onde se pode observar a ponte de Lousadela e o río Lóuzara. Logo de visitar a ferrería e volver a cruzar o Lóuzara, existe a opción de desviarse e visitar o Arco da Veiga, fermosa estrutura que cumpría unha dobre función: acueduto e ponte.
Débese retomaremos o camiño subindo polas abas do rego de Seceda, percorrendo as fermosas fragas da zona ata chegar ao Pontón de Muíños que cruza o rego de Seceda, onde se observa río arriba a fervenza Pinchón de Muíños. Dende alí, só queda un pequeno tramo de camiño ata chegar de volta a Seceda.
OS ALVARES
Os alvares son estruturas tradicionais de altos e fortes muros que protexían as colmeas do oso, construídos en zonas de gran pendente para dificultar aínda máis a entrada do predador. Durante o percorrido da Ruta dos Alvares, duns sete quilómetros de lonxitude, contémplanse un bo número deles, algúns en bo estado de conservación e aínda en uso para compatibilizar a produción apícola coa presenza do oso na zona.