O Proxecto Nós chegará a Chantada este xoves, 10 de outubro

RibeiraSacraXa
A aula de informática Cemit acollerá a gravación das voces das persoas que se acheguen a colaborar e ás que se lles entregará un libro e unha libreta de agasallo
cemit-chantada
7 Out 2024

O Concello de Chantada colabora co Proxecto Nós, unha iniciativa que pretende que a lingua galega non fique excluída dos novos desenvolvementos dixitais e converter a Galicia en vangarda na elaboración de produtos baseados en Tecnoloxías da Linguaxe.

Así, o 10 de outubro en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, a aula de informática, a Aula Cemit de Chantada, acollerá a gravación das voces das persoas que se acheguen a colaborar e ás que se lles entregará un libro e unha libreta de agasallo pola súa aportación.

Para participar poden inscribirse ata o mesmo 10 de outubro na Casa da Cultura, ben presencialmente ou por teléfono 982 441 752.

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela confía na boa resposta dos veciños e veciñas de Chantada porque “é un orgullo que se pensara no noso Concello para desenvolver unha xornada deste tipo. Estou convencido de que a veciñanza de Chantada responderá positivamente a esta chamada de colaboración. Con acudir á aula informática e ler unhas frases durante 15-20 minutos xa estaremos facendo unha grande contribución ao avance da lingua galega nos desenvolvementos dixitais”.

O PROXECTO NÓS

Co Proxecto Nós conséguese un amplo banco de recursos lingüísticos en galego de alta calidade que se publicarán en formato dixital baixo licenzas libres así como o desenvolvemento de ferramentas en código aberto que poidan ser empregadas, libre e gratuítamente.

Con este traballo, todo tipo de máquinas e dispositivos electrónicos poderán entender e falar a lingua galega en calquera ámbito tecnolóxico como cando lle damos unha orde ao GPS do coche ou falamos cun asistente de voz como SIRI ou ALEXA.

Cando o proxecto estea rematado poderase acceder de balde a ferramentas como: sistemas de síntese de voz, de recoñecemento de fala, de xeración automática de texto, de diálogo ou axentes conversacionais, de tradución automática, de extracción de información e minaría de textos, resumidores automáticos ou correctores lingüísticos automáticos que poderán empregar no desenvolvemento dos seus propios produtos.

Para conseguir todas as gravacións necesarias en lingua galega o Proxecto Nós, ademais de trasladarse físicamente a concellos, como fixo en Chantada, ten a opción de captación de voces online.

O Proxecto Nós está impulsado pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Lingua e AMTEGA e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), que conta coa colaboración do goberno central e da Unión Europea a través do PERTE “Nuevas tecnologías de la Lengua” financiado con fondos Next Generation-UE.

0.19293880462646