O proxecto de intervención sanitaria da médica do Courel, Tania Salgado, foi premiado pola ASOMEGA

RibeiraSacraXa
O proxecto de intervención sanitaria da médica do Courel, Tania Salgado, foi premiado pola ASOMEGA e o SEMG
entrega accesit tania salgado
4 Xuño 2023

Tania Salgado, médica do Centro de Saúde de Folgoso do Courel vén de recibir o segundo accésit outorgado pola Asociación de Médicos Rurais (ASOMEGA) e a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG) nun acto no Vello Cárcere de Lugo.

O seu traballo, ‘Proxecto de intervención comunitaria: O traballo de coidados no ámbito rural’, é, segundo a autora, unha rede de coidados que atrevesa os marcos das institucións, dos fogares e das fronteiras culturais e sociais.

O proxecto expón unha intervención comunitaria dirixida ás persoas que se dedican ao traballo de coidados, tanto remunerado como non remunerado, no Concello de Folgoso do Courel, sendo un dos seus puntos fortes “a capacidade de recalcular o roteiro coas necesidades que xurdan no proceso”, en palabras da súa impulsora.

Segundo a doutora Salgado, este tipo de proxectos “son tan necesarios no ámbito urbano como no rural porque buscan mellorar a saúde das persoas e, ademais, responden á falta de responsabilidade institucional sobre a abordaxe de problemáticas que afectan diariamente a unha porcentaxe importantísimo da poboación”.

Dificultades de traballar no rural

No medio rural “aínda temos que traballalo con máis intensidade pola falta de acceso aos servizos básicos en xeral, e tamén para poñer de manifesto e evitar as desigualdades en saúde”, apunta a autora do proxecto recoñecido por ASOMEGA e SEMG.

En relación á falta apoio das Administracións para este tipo de iniciativas, Tania Salgado, non cre que “sexa tanto unha cuestión de apoio a pequenos proxectos (que tamén está xenial apoiar estas iniciativas) como de responsabilización institucional”.

Neste sentido, explica que todos os proxectos que se presentan no medio rural “non responden a ideas de innovación, senón á cobertura de necesidades que non están a ser resoltas desde as administracións, e se cabe dicilo, menos resoltas canto máis nos afastamos dos núcleos urbanos”.

0.23046612739563