O proxecto Comunidades Rurais Sostibles en Terra de Lemos e Chantada foi presentado "con éxito"
As Xornadas de Inauguración do proxecto Comunidades Rurais Sostibles en Terra de Lemos e Chantada que tiveron lugar no Auditorio do Concello do Saviñao foron "todo un éxito", segundo os organizadores.
A presentación foi a cargo de Ana Randolfe, responsable da Comarca de Chantada, e a delegada Rexional Norte de Acción Contra a fame, Paloma Gallego.
Ademais, contouse coa intervención, na primeira mesa de debate, de Martín Alemparte, do GDR Ribeira Sacra-Courel; Javier Rodríguez do GDR Miño-Ulla; Ignacio Oliveira, representante provincial da Fundación Laboral da Construción e Sergio Sánchez, vicepresidente da Asociación de Empresarios de Chantada.
Nela analizouse o momento actual no que nos atopamos nestes territorios e as necesidades máis urxentes e transversais de actuación. Concluíronse varías liñas de colaboración co proxecto que iremos potenciando ao longo do proxecto.
Na segunda mesa, compartíronse casos de éxito no rural e evidenciouse que con ilusión, apoio e recursos é posible manter poboación no rural, así como elevar e garantir un nivel de vida próspero na zona. Nesta, estiveron Xosé Antón Araúio, da Comunidade de Montes de Couso; Carmen Soriano, de Estudo Álcalis; Antonio López, de Puluan e Lácteos Ribeira Sacra, e Zaira e Juan Carlos, de Pel Natura.
Nesta, expuxéronse as súas actividades e accións vinculantes para o desenvolvemento territorial rural. Por unha banda explicaron a multifuncionalidade operativa das comunidades de montes, a bioconstrución como alternativa aos materiais de toda a vida que facilitan o acceso á vivenda e o manter o patrimonio das materias naturais utilizadas en outrora en post dunha mellor saúde ambiental, a creación innovadora dun queixo macerado en Mencía da zona que ofrece unha experiencia única, xunto co coidado e actividades diferenciadoras realizadas cos seus animais e explotación agraria.
Para finalizar, uns valencianos que apostaron polo rural galego compartiron as súas inquietudes e potencialidades do rural así como a súa traxectoria profesional dentro da cosmética natural.
Conclusións
Como conclusións máis relevantes, desde a organización destacan o enfoque sostible, diverso e novo das achegas. Os desafíos estruturais detectados foron o acceso á vivenda (tanto en propiedade como alugueiro), o acceso a transporte público e a necesidade dunha figura colaborativa e participativa que aglutine todo o coñecemento e experiencia das persoas que viven no rural. Ademais, evidenciáronse as posibilidades que o turismo sostible, o sector primario e a construción pode achegar a estes territorios.
Por outra banda, sosteñen que "quedáronnos moitas cousas por debater e compartir. Sabemos que o interese xeral vai focalizado a estes temas aínda que nos quedaron por tratar asuntos como a vinicultura, a mocidade e as posibilidades de financiamiento efectivo. Isto danos un gran aliciente para continuar con moita ilusión e profesionalidade na realización deste proxecto", argumentan.
Así, desde Acción Contra a Fame agradecen a todos os asistentes a súa participación activa, aos relatores, ao Concello do Saviñao "por cedernos as instalacións e aos financiadores do proxecto Fondo Social Europeo Plus e Fundación MAPFRE".