O Programa Lanzadeiras recoñeceu co primeiro premio o proxecto 'Alfaia de Chorima' do alumnado do IES A Pinguela
O alumnado de 1º Administración e Finanzas do IES A Pinguela vén de conseguir o 1º premio do concurso do Programa Lanzadeiras polo seu proxecto Alfaia de Chorima.
A miniempresa, coordinada pola profesora de Administrativo Ana Belén Leirado Martínez, é unha pequena iniciativa empresarial que xorde no ámbito educativo do IES A Pinguela de Monforte de Lemos co obxectivo de crear de xoias feitas con resina e flores autóctonas da Ribeira Sacra e o Courel, dúas zonas de grande valor paisaxístico e natural.
Esta miniempresa busca fusionar a beleza das xoias coa riqueza da natureza galega, utilizando resina para encapsular as delicadas flores autóctonas e as xoias resultantes son pezas únicas, nas que se aprecia a singularidade e a esencia do entorno no que se desenvolve o proxecto.
Posta en valor da Ribeira Sacra
Ademais de promover a creatividade e a artesanía, tamén busca dar a coñecer a riqueza e a importancia das flores autóctonas presentes na Ribeira Sacra e o Courel.
"Estas xoias son unha forma de poñer en valor a nosa natureza, destacando a súa beleza e a súa conexión coa identidade galega", explican desde o centro educativo. Así, a través desta miniempresa, os estudantes e membros da comunidade educativa do IES A Pinguela de Monforte de Lemos teñen a oportunidade de aprender sobre a creación de xoias, o traballo coa resina e o coñecemento das especies florais autóctonas.
Ao mesmo tempo, promóvese a cultura emprendedora e o desenvolvemento de habilidades empresariais entre os participantes e, no caso particular da familia de Administración e Xestión este proxecto, facilita ao alumnado a posibilidade de levar a práctica de forma sinxela todas ás facetas da planificación e xestión empresarial.