O presidente da CHMS mantén un encontro sobre o aproveitamento do regadío no Val de Lemos

RibeiraSacraXa
O presidente da CHMS mantén un encontro sobre o aproveitamento do regadío no  Val de Lemos para o desenvolvemento dun futuro sostible
CHMS val de lemos
10 Nov 2022

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), vén de asistir a unha reunións cos regantes do Val de Lemos para explicarlles e coñecer os avances no estudo de aproveitamento agronómico do regadío.

Os traballos desenvoltos ofrecerán unha diagnose integral da zona de regadío do Val de Lemos e unha proposta de accións para o seu desenvolvemento futuro sostible como acción clave para a sostibilidade da agricultura e a loita contra o cambio climático, dende un punto de vista legal, económico, social, produtivo e estrutural da zona.

Ademais, exporá as actuacións a realizar, o custo asociado e as entidades que formarán parte das solucións, todo elo cun enfoque acorde ós plans e restricións ambientais, sociais, territoriais e produtivas futuras.

"Era necesario partir dunha radiografía que reflectira a precaria situación do regadío, estase conseguindo a diagnose dende un punto de vista legal, económico, social, produtivo e estrutural da zona de cara a conseguir o desenvolvemento sostible do recurso como paso previo a unha toma de decisións" explicou o presidente.

As actuacións, xa moi avanzadas, estruturáronse en 10 fases que se iniciaron coa recompilación, análise da documentación existente e traballos previos, para continuar con traballos de campo, elaboración de planos e fichas, caracterización e elaboración do SIG e as Bases de Datos Espaciais, diagnose social da comunidade de regantes, proposta da folla de ruta para a desafectación de parcelas de rego, proposta de modelos de cultivo, deseño e posta en marcha do plan de difusión con inversores para proceder á elaboración da documentación e ós entregables do proxecto.

Este estudo incluirá, ademais, as actuacións necesarias, a súa implantación práctica, o custo asociado e as entidades que deberán formar parte das solucións. Dentro desta dinámica estase dialogando cos regantes como un elemento fundamental.

Actualmente estase a desenvolver a fase participativa onde CHMS e USC están dialogando cos regantes para coñecer de primeira man a opinión, compromiso e aspiracións.

"En breve será o momento de invitar a que outras administracións, coñecedoras da problemática coma Xunta ou concellos, se sumen ó proxecto e conxuguen tódalas variables co obxectivo de solucionar a problemática de conxunto que vén de moi lonxe e que vai precisar unha nova visión sobre o parcelario que poida propiciar máis operatividade produtiva se se quere avanzar en serio", concluíu Quiroga.

0.20179796218872